O artista silledense exporá a súa obra no conxunto histórico de Soutomaior do 18 ó 30 de maio
15 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Baixo o título de «Pétalos ó vento», o artista silledense José Antonio Fondevila amosará a súa obra más recente no conxunto histórico de Soutomaior do 18 ó 31 de maio. O tempo tocando a flauta, Personalidade encumbrada, Camiño a nonseionde ou Triturador de vontades son algunhas das pinturas que colgará Fondevila en Arcade. Segundo o crítico cruceño, Manuel Núñez Fiuza, este artista natural de Fiestras que foi diplomado pola Universidade Internacional de Arte de Miami «Interart» no ano 1982, «concentra na súa obra pictórica, e sobre todo nas últimas tendencias, a forza da revolución dos sentimentos. Esa forza que cada día se comprime dende a experiencia vital e se organiza dende a sensibilidade e a observación minuciosa, para plantarse nos lenzos da irrealidade aparente». María del Carmen Gago Florenti da Revista Crítica de Arte matiza, no catálogo da mostra que editou a Deputación de Pontevedra, que «sus temas entre lo figurativo y la abstracción están en ocasiones interrelacionados». A primeira exposición na que participou José Antonio Fondevila foi nunha colectiva que se celebrou no Museo Ramón Aller de Lalín no ano 1993. Dende entón, as súas obras amosarónse en Cambados, Silleda, Pobra do Caramiñal, Marín, Moaña, Ourense, Lugo, Monforte, e Portugal. Por outra banda, o pasado 19 de abril tomou parte nunhas xornadas culturais celebradas no Centro Galego de Barcelona, organizadas pola Asociación Artístico Cultural de Pontevedra, e na que se desenvolveu unha mostra de pintura e escultura titulada «Galicia, fin del camino», na que participaron 31 artistas, entre eles o silledense José Antonio Fondevila.