O Entroido non é unha broma

MARCOS MIGUEZ A ESTRADA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Santeles viveu con orde, disciplina e tamén risas os vivas dos xenerais Últimos ensaios apresurados, non se pode deixar nada por ver. Cada estrofa, cada movemento débese facer con orde e disciplina. En Santeles o Entroido non é cousa de broma. Os componentes da comparsa, as carrozas e os xenerais van chegando pouco a pouco ó campo da festa. Saben perfectamente que o día será longo e os descansos escasos por non dicir inexistentes. Nesta gran mascarada na que se convirte a parroquia por un día, participan veciños de tódalas idades, dende o xeneral máis experimentado ó abanderado máis novo. Este ano tomou o relevo Álex Gaspar, de tan só once anos de idade.

13 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Dise, que para estas cousas do Entroido non hai horarios. Por iso o reloxo é un dos obxectos que se fan prescindibles nestas datas. A primeira parada faise na Ribeira de Santeles. Alí os veciños esperan cunha gran mesa rebosante de toda clase de viandas, con viño que ofrecen insistentes e que se acepta sen opoñer resistencia algunha, prefirese non enredar demasiado nesta primeira parada e partir prontiños para as seguintes aldeas. O autobús leva a comparsa ata a próxima cita, noutro lugar da parroquia de Santeles. O exército vai a cabalo, maxestuoso. Álex Gaspar só ten once anos e xa é o abanderado do exército. É o seu primeiro ano neste posto de responsabilidade pero aguantou sen pestañear doce horas a cabalo. Encabeza o séquito e a súa menuda figura está sempre presente. Así o esixe o guión do Entroido de Santeles, a única parroquia da Estrada na que existe a figura emblemática do abanderado. A festa carnavaleira paraliza a vida diaria. Todo o mundo en Santeles participa dun Entroido que, polas súas características, faise único entre os que se celebran nas terras do Ulla.