XAVIER CASTRO A CULTURA DO VIÑO NA TERRA DO SALNÉS A viticultura desenvolveuse moito nas Rías Baixas a partir do século XVI
09 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A fins dos século dezasete a viticultura do Salnés debece. Neste senso, o Libro Cobrador de Armenteira, evidencia o decepe de viñas que estaban sometidas a foro, pagado en renda proporcional (1/5 do froito), que pasan a ser de renda fixa cultivando cereal. O declive debeusen en parte a reducción dos prezos do viño en relación cos do cereal. No século dezaoito as vides cubrían unha extensión de sete leguas ó longo por dúas e media de ancho. Os distritos vinícolas máis productivos eran Cambados, Fefiñáns, Meis e Ribadumia. No concernente á situación da viticultura no século XVIII existen dúas interpretacións contrapostas. Unha defendida por Meijide Pardo, baseada en testemuños cualitativos que sosteñen en parte puntos de vista interesados; a outra posición deféndena historiadores que manexan a metodoloxía cuantitativista: José Manuel Pérez García e Pegerto Saavedra. Este último autor formula unha proposta de revisión crítica, observando que a pesar dos numerosos textos escritos entre 1770 e 1845 nos que se subliña que a extensión do viñedo nunca foi tan ampla como nas postrimeirías do século XVIII, en detrimento das terras de pan llevar, as series desmais e outros documentos referentes á evolución de diferentes cultivos levan a pensar que se trata dun tópico que convén desmentir. Declive Nesta mesma liña, a exhaustiva documentación consultada por Pérez García permítelle concluir que no século XVIII, e tamén a comenzos do XIX, prosigue o declive da viticultura do Salnés no que se refire ás áreas de cultivo e ás cantidades producidas, pero en cambio non no número de cultivadores. Este descenso parécelle drástico situándose en franco contraste con outros casos nos que se produce unha nidia expansión, como poden ser o da Provenza francesa ou o de Cataluña. A evolución dos prezos, fortemente expansiva no caso dos cereais, exerceu unha influencia notable neste proceso que fixo que quedasen desfasados ós vitícolas. Os menores rendementos mercantís obtidos polas parcelas dedicadas ó cultivo da vide semella ter provocado o abandono das viñas prantadas en terreos marxinais ou de inferior rendemento. De feito coñécense casos de decepe en terras que pasaron a ser destinadas a monte. Este autor sinala tamén como outra causa, seguindo nisto a Meijide Pardo, a perda do mercado inglés ocasionada pola competencia dos viños portugueses. E engade aínda outro factor: a competencia dos viños importados de Cataluña. Ítem máis: sinala Pérez García que as colleitas de millo, cereal moi ben adaptado á climatoloxía da comarca, presentaban a apreciable vantaxe de permitir uns rendementos regulares que contrastaban cos da viticultura, moito máis oscilantes e inseguros. Investigacións realizadas en rexións agrícolas de Italia e Cataluña mostran que a producción vitícola presentaba como característica fundamental unha grande fluctuación interanual que podía variar na banda dun a catro. Apostila o autor, que se isto sucedía en latitudes que gozaban dun clima mediterráneo o basculamento terá de ser aínda ben máis amplo no Salnés «donde la vid roza la integral térmica y está expuesta a una helada tardía, a las nieblas veraniegas o a las lluvias otoñales».