FRANCISCO ROZADOS «ROCHI» A MIÑA FUSADELA
12 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Agora que somos europeos, convén facer un repaso de prioridades e de identidades. Eu vou, se non lles parece moi inmodesto, face-lo meu. Por riba, considérome cidadán do mundo, aínda que semelle moi tópico e moi manido. Segundo imos baixando, considérome, como non, europeo, porque bebo da cultura grega e latina, e porque estudiei o que dixo un día Parménides de Elea sobre o Ser, o que, séculos máis tarde, Shakespeare escribiu sobre o «ser ou non ser» e o que, máis tarde aínda, pensou Heidegger do «Ser para a morte». Porque "sufro" o dereito romano, e porque algo terei tamén en común con xente que coma min disfruta con Goethe, con Mozart, con Sofía Loren e con Astérix e Obélix. Sen renegar do castelán Baixando outro chanzo, síntome español, porque me gustan Cela e Manuel Vicent; o acueducto de Segovia e o Museo do Prado; Tony Leblanc, Gila e o cine de José Luis Cuerda; porque non quero facer con ningunha lingua o que outros fixeron coa nosa e porque, como dixo Maximino Sanmartín, poeta estradense, «falo galego e castelán, e non renego de ningunha delas porque son irmás». Tan galego coma o que máis No chanzo de máis abaixo, síntome galego de verdade e de corazón, e calquera pode sentirse tan galego coma min, pero ninguén máis ca min. E darei tamén as miñas razóns: porque me gusta oír gralla-lo vichelocrego, deitarme na herba ó pé dun carballo ancián e dar paseos pola beira do Lérez, o río dos mil nomes na terra dos mil ríos. Tamén me sinto orgulloso de ser paisano do escritor Manuel Rivas, de Bieito Iglesias ou do gaiteiro Carlos Núñez, por poñer tres exemplos, ou de poder ler en orixinal a Luis Pimentel, a Neira Vilas ou a Castelao, por poñer outros tres. Baixando outro chanzo Baixando outro chanzo, xa a cousa comenza a se poñer moito máis vivencial e telúrica, porque sentirme da Terra de Montes é ter que ver co mosteiro de Aciveiro, coas pontes do Lérez e cos eirados de Pedre e da Hermida, co monumento ós canteiros e coa Lagoa Sagra, con Frei Martiño Sarmiento, a quen van dedicadas as vindeiras Letras Galegas, cos bos amigos Manuel Cabada e Manuel Espiña, con Otero Espasandín ou con Carlos Baliñas. De Forcarei, por riba de todo E, se baixamos de todo, ser veciño de San Gonzalo das Penas, o abade que mandou ergue-la ponte románica de Andón, dos pintores Virxilio Blanco e Xosé María Barreiro, do Gaiteiro de Soutelo de Montes, do doutor Avelino Senra, do xornalista e escritor Xosé Manuel Rivas Troitiño e do futbolista Canabal significa que, no chanzo máis baixo pero por riba de todo, son de Forcarei, porque como dixo o poeta, a patria é a infancia, e eu fun neno en Forcarei, igual ca Chano Piñeiro ou ca Xosé Luis Barreiro, quen me ensinou aquelo de que «Forcarei é o centro do mundo, con perdón de Mesopotamia». E Forcarei para min segue a vale-lo mesmo co euro que coa peseta: non tén prezo.