«Non é a última oportunidade de Beiras»

DEZA

Bautista Álvarez, número 1 do BNG por Pontevedra Bautista Álvarez ofrece hoxe a imaxe dun politico experimentado e tranquilo. Sen pretender tal cousa, quizais, é o mellor reflexo da moderación do BNG: de ser expulsado do Parlamento galego por negarse a xurar a Constitución pasou a vicepresidente segundo da mesma Cámara. Nun encontro con xornalistas de La Voz, reinvidica que se esgote o Estatuto de Autonomía. Confía no cambio. Pero preferiría que Touriño falase máis claro antes das eleccións do vindeiro domingo. Cre que os pactos municipais beneficiarán ó BNG en Vigo e Pontevedra. E, se Beiras non vai desta presidente, presaxia máis intentos.

17 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Bautista Álvarez é un dos fixos eleccións tras eleccións. -PP e PSOE esgrimen a bandeira da renovación nas súas listas e din que o BNG non a fai. -Hai que renovarse cando as cousas marchan mal, pero se marchan ben non é necesario. Con estas listas, o BNG pasou de un deputado a cinco, trece, dezaoito e o que veña. O PSOE fracasou xa con varios candidatos e non sabemos se o señor Touriño continuará... O PP fai a renovación á inversa: substitúe persoas de mediana ou incluso aceptable valía por outras de inferior talla política. Podemos ver isto na Xunta: Presidencia, Cultura, Pesca... -¿Estamos ante a última oportunidade de Xosé Manuel Beiras para acadar a presidencia da Xunta? -É unha oportunidade máis, non é a última. Eu non teño escoitado voces no BNG que digan o contrario. Cada día existe unha anuencia case unánime do papel que veu desempeñando. Agora ben, claro, todos temos un ciclo vital limitado. O día de mañá serán os militantes os que teñan que afrontar esta cuestión. Pero eu non vexo un prazo limitado para o cambio. -¿Poden frear as súas arelas de cambio as reticencias socialistas a un pacto? -Poden ter unha consecuencia. Se foramos mal pensados, podiamos entender que esas contradiccións existentes no PSOE en todo caso favorecen ó PP. Hai certos dirixentes do PSOE que non están polo cambio e contribúen a que o PP se poida perpetuar na Xunta. O señor Touriño non aclarou cal é a súa intención. Nós estamos polo cambio, calquera que sexa o seu sentido. Eles que aclaren a súa posición. -¿Como sería un goberno do BNG? ¿Habería representación dos distintos partidos que integran o Bloque? -Sobre as medidas a levar a cabo non existen criterios distintos dentro de ningunha orgazación do Bloque. Podemos partir de criterios ideolóxicos diferentes, pero non hai discrepancias sobre a medida a levar a cabo. Sería desacertado interpretar que un goberno sería o reflexo político da composición do propio BNG.