En lembranza do cidadán Manuel Parga Díaz

La Voz

DEZA

BUZÓN DO LECTOR

18 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Fai uns días caeu nas miñas mans unha semblanza dos homes máis salientables da provincia de Pontevedra. Nos instantes da lectura recordei unha recente publicación de Ernesto Baraibar, que recollía, historiando ós refráns casteláns, un dito avulense apropiado para esta ocasión. O escritor dicía que nas meirandes ocasións, os homes que defenden os seus ideais, os seus sentimentos e o pensamento humanista, non teñen historia. A oración sería así: O home da vida triste, non ten historia. Manuel Parga Díaz chegou a estas terras, afincándose despois da Guerra Civil, na parroquia silledense de Moalde. Casou con dona Otilia Viz, e reside no lugar de Rivas, exercendo o ancestral oficio de criado e labrador. Nacera (1917) en terras ourensáns, entra a Rúa, Viana do Bolo e Valdeorras, onde a savia dos viñedos creara un arómatico, puxante e nobre sabor, con color de sangue roxa, que hoxe coñecemos como viño Mencía. Enraizado coa terra, a súa vida ía decorrer polos mesmos vieiros, co mesmo color, co mesmo contido. Finaría Manuel Parga, unha tarde do mes de xullo, tirado na terra de acollida, derramándose o seu sangue inutilmente. A incomprensión humana xogáballe así, a derradeira mala pasada, alentada polas absurdas consignas de aqueles que nunca asumiron unha nova Constitución nin o restablecemento da recente democracia, dereitos fundamentais que caladiñamente sempre defendera Manuel. Perdura no recordo Perdura no recordo dos veciños o seu carácter conciliador, educado, culto e inalterable nas súas ideas. O comunista de Moalde, algunhas veces encarcelado, sempre perseguido, foi sempre libre no seu pensamento. Non ocultaba que dende o ano 1978, votaba ó Partido Socialista Obrero Español, porque entendía que o humanismo e o socialismo, xuntos, eran os dous pilares onde debía sustentar e apoiar á palabra, único vehículo para vencer aquel torreón, baleiro de sentimentos humáns e cheo de iniquidade, polo que loitou, sufríu e, ó fin, morreu. Queda, casi xa esquecido nas nosas memorias, o seu paso por estas terras. A súa educada forma de pedir melloras sociais para os veciños (nunca para el) e para a parroquia. O seu afán deborador de lectura como medio para formarse cívica e socialmente. A súa inalterable presencia polas tardes na Biblioteca Pública Municipal de Silleda. A súa voz, suave, secreta, e de tono baixo, predecía verdades e ocultaba traxedias. Parecía saber que non lle quedaba tempo para forxar o seu sinxelo bagaxe de cidadanía. Quedan e están presentes no recordo do pobo, o seu talante de home de ben, conversador, pacifista e de mente lúcida e adelantada no tempo...orgulloso e firme, desbotou as arengas do seu pai, Garda Civil, e de un dos seus irmáns, vinculado ó exército. Non fai falla facer un recordatorio da súa traxectoria política e social nestas terras. A súa labor calada e firme, mais sempre vixiada, iba a ter un final triste: Perdurar no olvido, no camposanto da Igrexa de Moalde, en terra de ningún, sin unha mínima sinal de que alí está soterrado o cadaleito dun humanista, inmellorable veciño e impertubable home de esquerdas. Esculpir o seu nome Eu, concelleiro de Silleda, nas datas e aniversario do seu pasamento, quero recordalo, coa miña soa e discreta presencia, ou acompañado dalgún compañeiro, levándolle unhas rosa roxas, do color da súa vida e do color da súa sangue, sen esquencer o do viño das terras que o viron nacer. E o menos que se debe facer, sabedor eu do risco de que aquela incomprensión, presente en algúns, volte a facer acto de presencia. Aínda que non teña historia, nin semblanzas, nin nome, algúen deberá esculpir na pedra unha sinxela lápida coa lenda: Cidadán Manuel Parga. O título máis importante ó que pode aspirar un home. Gerardo Lázara Moreda. Concellal do Partido Socialista en Silleda.