«A miña vida alí foi moi triste»

C. GÓMEZ BUXÁN LALÍN

DEZA

REVISTA MUNDO GRÁFICO. 1916. FOTO LÁZARO

Cándido Gómez Abeledo, combatente na guerra de Marrocos que lembra as súas vivencias Nas tres primeiras décadas do século XX unha auténtica sangría foi diezmando a xuventude española da época, enviada polos gobernantes lonxe das súas casas, ás terras de Marrocos, onde moitos deixaron as súas vidas. Ós veciños da comarca de Deza non lle foi allea esta guerra, pois sempre algún dos quintos destes anos remataba en Melilla ou Ceuta, e moitos non voltaron ós seus fogares, ou, se foron capaces de manterse con vida, quedaron marcados para sempre pola dureza de aquel campo de batalla.

26 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

As posesións en Marrocos foron unha constante na política española das primeiras décadas do século XX. As escaramuzas continuadas eran a tónica dominante naquelas lonxanas terras, escaramuzas que se convertían en ocasións en grandes batallas, a veces con importantes perdas para as tropas españolas. Foros aciagos os anos 1920 e 21, nos que o exército español sufre o chamado «desastre de Annual», en que morreron preto de 14.000 soldados a mans dos árabes. Da comarca de Deza tamén foron destinados a destacamentos en Marrocos moitos dos mozos chamados a filas naqueles anos, pero poucos quedan para contar o que aquela guerra significou para eles. Algún comprou a súa liberdade cambiando o destino por 30 pesos. Cándido Gómez Abeledo naceu un 29 de setembro de 1902, e aínda hoxe, ós 98 anos, na súa casa da parroquia lalinense de Rodís, lembra perfectamente aquela época en que viviu a barbarie dunha guerra esquecida, e na que incluso foi ferido, aínda que non de gravidade, podendo voltar a súa parroquia, non coma outros que él coñeceu e que caeron no campo de batalla. _Cándido, son moitos anos os que ten vostede, ¿que tal o leva despois de todo o que pasou na vida? _Bueno, agora fáltame bastante a vista, pero ata os noventa anos podía ler calquera papel, e nunca tivera nada, era coma un carballo, pero algunha vez hai que... Son moitos anos, moitos anos, hai que contar un ano, un ano, un ano, e cada ano son 365 días. É moito tempo. _Vostede foi á guerra de Marrocos. Cónteme ¿como foi a súa marcha de cara a aquelas terras? _Eu fun no ano 22, polo mes de xaneiro, por causa do servicio militar, no que botei ata febreiro do 26. Tres anos e pico sen volver nada aquí a España. Estivemos en Xixón tres meses facendo instrucción, e despois fomos a Cádiz, de onde embarcamos para Melilla. _Desta zona tivo que ir máis xente naquel reemplazo para África. _Daquí foramos eu máis un irmao da muller de Aurelio, que se chamaba Florentino. Estivemos os dous xuntos, aínda que pertencía a outro corpo, pero no mismo reximiento, o tempo que durou o servicio. _¿Cómo foi a súa chegada a Melilla? _Embarcamos máis de cinco mil homes para a guerra e, ó chegar alá, tivemos que estar sen baixar do barco bastante tempo, por causa dos moros. Atacaban dunha maneira... Mandaban cada balinazo que non tiña traza. Viñan zoando e estoupaban no mar, cerca dos navíos nos que estabamos. _Unha vez en Melilla, ¿onde estivo? _No Reximiento de Infantería 59 de Melilla. Pertenecía á compañía de ametralladoras. _¿Que funcións tiñan? _Non faciamos moito servicio. Outros tiñan que facer cociña, limpeza, pero nós non. Normalmente andabamos escoltando convoies.