Festival Emigrason. Que fai unha camisola do Club Petanca Ribadeo en Bruxelas?

José G. Santalla
José G. Santalla BRUSELAS / E. LA VOZ

DEPORTES

O certame foi o mellor escaparate para amosar o orgullo polo deporte galego

08 mar 2026 . Actualizado a las 20:31 h.

Ou unha vintage do Racing Vilalbés? E unha chaqueta do Ribadavia Atlético? E por que hai tantas prendas de fútbol gaélico? A resposta non ten moito que ver co deporte: é polo festival Emigrason, que leva sendo, dende o 2023, o encontro da comunidade galega espallada por Europa. Un evento así merece lucir as mellores roupas de cada un, as camisetas deportivas, e amosar a nosa paixón polas cores apoiadas ou mesmo defendidas.

É o caso de Mario, estudante e residente en Madrid, pero que na casa é, nas súas palabras, a estrela do Club Petanca Ribadeo. Esta fin de semana vestiu as súas cores para ver a Baiuca, Ortiga ou The Rapants. «A xente pensa que é un deporte que está morrendo, pero a petanca é un sentimento. Eu xúntome cos vellos do pobo a xogar á petanca diante da oficina de Turismo, que temos unhas pistas de puta madre. Xúntome con Manuel, de Covelas, con Toñita, de Couxela, e temos un equipo que non nos gaña nin Dios, aínda que veñan de Santiago, de Abadín, de onde sexa». Da petanca non se poderá vivir, como di un célebre meme de Internet, e en Madrid «non haberá cultura dela», pero é un xeito para el de sentir na casa lonxe dela.

Aurelio vive en Bruxelas é de Vigo pero luce unha chaqueta do Ribadavia Atlético, o equipo de fútbol do pobo da familia do seu pai, «pola intrainmigración galega». Ademais, xogou unha tempada no conxunto ribeirao; un compromiso que vén de familia, pois o seu avó foi presidente e home multiusos da entidade. Para Aurelio, entón, representa unha lembranza da súa herdanza familiar.

Ás veces, a representación do fútbol profesional galego parece reservada ao Celta de Vigo ou o Deportivo de La Coruña, pero Bruxelas tamén conta con grandes seaeiros do Racing de Ferrol, o CD Lugo ou o Pontevedra. Lucía é luguesa, do Lugo e traballa na Comisión. «Gañamos onte, así que hai que celebrar. O Lugo é un xeito de representarme dentro e fóra de Galiza», dixo durante o concerto de Baiuca.

Samuel optou por levar unha prenda da selección galega de fútbol gaélico, deporte que practica. «Teño visto hoxe varias camisetas do deporte. Se xogaste, traela é un estandarte de Galicia; algo que só xogamos nós, que máis que traela?». Leticia reside de Xixón, pero viviu en Santiago moitos anos e xogou no Estrela Vermella, o estandarte santiagués deste deporte e cuxas cores luciu durante o Emigrason. «Para min representa a terra, a comunidade, as amizades e todo o que eu tiña alá. Por iso gustábame traela», explicou.

Casualmente, nesta fin de semana a selección galega de fútbol gaélico participou no Torneo da Haia, a só dúas horas de Bruxelas. A selección feminina chegou á final, perdendo pola mínima contra o Slieve Felim Raparees. O conxunto masculino caeu nas semifinais contra o Brian Borus.

Nin deporte nin galego, pero noso

Raúl é colaborador do cantante Ortiga para a venda de merchandising e a páxina web. O sábado puxo unha camiseta branca, verde e vermella de Boyanka Kostova. A campioa do mundo búlgara de halterofilia sancionada por dopaxe? Non, o dúo de trap que Chicho (Ortiga) ten con Cibrán García. «Boyanka non é un deporte, pero ten tanta afección como calquera outro e mólanos ese flow deportista. Nos nosos concertos báilase moito e precisamos unha prenda para transpirar sen fallo e que non se engurre». Entón, cultura e deporte transmiten o mesmo? El cre que si, como reflexa o seu lema «pola noite beber ron e pola mañá deporte». Por iso a cami de Boyanka serve para tódalas partes do día e da noite, para o ron e o Colacao.

María Gabriela é filla da emigración galega a Venezuela no século pasado. «Me gusta que el deporte forma parte de la identidad gallega. Es la segunda vez que vengo al Emigrason y el año pasado fue impresionante ver el montón de camisetas que reflejan esta identidad». Este ano uniuse á febre deportiva cunha camisola dos Leóns de Caracas, o equipo de beisbol máis laureado de Venezuela. «Siento que Venezuela y Caracas tienen que ver con Galicia por la gran emigración que hubo. Además, la música gallega me representa».