Darío Romero, coordinador deportivo do CB Celtas de Foz: «Quero marchar cun enlace total no club desde nenos de cinco anos ao equipo sénior»

Iván Díaz Rolle
IVÁN ROLLE FOZ / LA VOZ

DEPORTES

Darío Romero, fotografiado en Marzán, mentras adestra un dos conxentos da enorme canteira focense.
Darío Romero, fotografiado en Marzán, mentras adestra un dos conxentos da enorme canteira focense. Pepa Losada

Considera éxitos a creación do cadro feminino e o crecemento da base e bromea sobre a volta a ligas nacionais, mentras asume que pronto tocará dar «un relevo máis profundo» nun club de baloncesto que é «un emblema da vila»

23 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que oficialmente é secretario na directiva presidida por Carmen Alonso, Darío Romero Viota (Foz, 1986) é o home para todo do CB Celtas de Foz. Coordinador deportivo, foi adestrador na base e no sénior masculino e segue exercendo de técnico de emerxencia, compaxina o seu traballo como axente bancario coa cobertura de case tódalas necesidades dunha entidade que considera «un emblema da vila».

—Como comezou o seu vínculo co baloncesto?

—Como moitos nenos de Foz, o meu vínculo vén do colexio Martínez Otero. Empecei tarde, con 14 ou 15 anos, e só xoguei en cadete e júnior, pero sempre fun moi fan do baloncesto, encantábame ir a Marzán e acórdome perfectamente dos anos na Liga EBA.

—De que xogaba?

—Como xogador era moi malo. Era moi rápido, corría algún contragolpe, pero era frouxiño. Era base ou escolta, mido 1,77.

—Pasou varios anos desvinculado do Celtas, non?

—Sobre o 2012 ou 2013, cando volvín de estudar fóra, animeime a botar unha man a dous bos amigos que estaban de presidente e adestrador, Miguel Fraga e Pablo Castro, Pony. Gustoume e fun facendo diversas funcións durante todos estes anos: coordinador, adestrador das categorías inferiores, do equipo sénior, presentar subvencións e resto de documentación, pedir cartos ás empresas, un pouco de todo... Estamos moi contentos do apoio do tecido empresarial de Foz. Tamén fixemos o Zorza, a festa fin de ano, outros anos as horas no Campo da Cabana, colaboramos co festival VRAO e fomos deixando algún evento porque entras nun bucle de toda a tempada traballando e máis traballo cando acabas. Agora estou máis centrado no deportivo.

—Paga a pena compaxinar todas esas funcións co traballo?

—Como calquera, teño o meu traballo, pero necesitaban axuda porque estaban os dous sós e sinto que o club medrou moito desde aquel momento: creamos un equipo feminino, temos máis equipos de categorías inferiores. Síntome un pouco responsable.

—Vai tódolos días por Marzán?

—Practicamente. Son o segundo adestrador dos dous conxuntos sénior, por se coinciden e Alberto Ruiz de Galarreta non pode asistir e despois vou polo pavillón durante a semana para saber as inquedanzas dos nosos adestradores, dalgún pai... Intentar estar presente no día a día. Por compromisos persoais, non podo ir aos partidos de tódalas categorías, pero intento ir aínda que sexa a unha parte. Cando fun adestrador do sénior, non tiña título, prestaba Adrián Suárez, pero despois saqueino porque penso que é algo ao que lle sacarei partido se o club o necesita nun momento puntual.

—Que representa o Celtas en Foz?

—Eu creo que o Celtas é un emblema da vila, estamos moi agradecidos a toda a xente de Foz porque en cada evento que organizamos ou cooperamos a resposta sempre é incrible. Na última festa fin de ano, que foi conxunta co CD Foz, vendemos todas as entradas e teríamos vendido moitas máis, no Zorza Celtas sempre vendemos tódalas racións... O apoio é tremendo en cada evento que facemos e iso é parte do que nos fai seguir para adiante e continuar. O ambiente no pavillón é algo que me destacan moito os rivais, sorpréndelles que nestas categorías teñamos tanta xente nas gradas.

—Que rol dos que desempeñou no club lle gusta máis?

—Non esquecerei na vida cando ascendemos na final four en Foz, pero todo o que hai detrás dun adestrador é moi duro; o traballo da semana, preparar os adestramentos, roces persoais que podes ter con algún xogador, porque non todos poden estar contentos. Ser adestrador é moi duro, a coordinación paréceme o máis agradecido, sobre todo vendo que temos máis equipos ca nunca e levamos unha liña de ter moitos rapaces xogando ao baloncesto en tres ou catro anos. Somos nove equipos, sen ter cadetes e xuvenís porque tamén temos a vinculación co Burela.

—O deporte dá máis amigos ou inimigos?

—Fixen moitas amizades grazas ao baloncesto. O día que pare, mirarei atrás e pensarei que todo o vivido mereceu a pena, sen dúbida.

—Ve preto a súa marcha?

—Penso que cada vez me queda menos tempo, sinceramente. Nuns poucos anos creo que tocará dar un relevo máis profundo a outra persoa que se encargue.

—Que foi o mellor que viviu no Celtas?

—O ascenso a Primeira nesa final four en Foz. Pelexei persoalmente para que se xogase en Foz porque sabía da importancia para o club e para a vila. Demostrouse. No pavillón non había onde sentarse, os hoteis enchéronse.... Foi algo que vivín con moita tensión desde o principio. Case perdemos o primeiro partido daquela fase e despois na final tremíanme as pernas dos nervios, nunca na vida me pasou.

Logo foi moi bonita a fase de ascenso do feminino, pero eu non estaba en Foz porque tiña unha viaxe programada desde había meses. Doeume perder aquel momento que tamén foi histórico, cun equipo feminino de nova creación que deu o salto en tan pouco tempo.

—Como se xestou ese equipo?

—Unhas rapazas que Pony e eu xa adestraramos en categoría júnior viñeron dicirnos se facíamos un equipo sénior e díxenlles que se traían unha lista de dez xogadoras interesadas, mirabámolo. Trouxérona, fixemos unha reunión na directiva e dous meses despois o equipo estaba federado e competindo. Aquela primeira tempada foi dura, apenas se gañaron uns poucos partidos, pero recuperar o básquet feminino en Foz é un logro do que tamén me sinto orgulloso.

—E o peor?

—No covid foi moi duro tomar a decisión de non competir. Perdemos xogadores que se foron a outros clubs e xa non volveron. Véxoo como un pequeno fracaso, pero creo que agora temos a Sama e Madar traballando moi ben a base, tamén a Manolo nos infantís, e creo que nuns anos podemos ter un enlace desde nenos de cinco anos ata sénior.

—Ve posibilidades de volver ver o Celtas en divisións nacionais?

—Sempre bromeo aos xogadores con que imos subir a EBA, pero é moi complicado, competimos contra xigantes de grandes cidades tanto no masculino como no feminino. Agora mesmo e sen a posibilidade de pagar, véxoo imposible. Ten que ir todo por manter aos dos clubs en Primeira e ter un enlace de categorías inferiores co sénior. Sentiríame realizado se me vou con iso feito.