Emigraron a Burela e volveron como heroes a Cabo Verde tras máis de 20 anos

DEPORTES

<span lang= gl >A selección caboverdiana celebra a súa vitoria ante Senegal en Tarrafal con Hélder (dorsal 5), Domingos (18) e Renatinho (22).</span>
A selección caboverdiana celebra a súa vitoria ante Senegal en Tarrafal con Hélder (dorsal 5), Domingos (18) e Renatinho (22). BRUNO DA MOURA

Hélder, que firmou o primeiro gol da historia da selección, Domingos e Renatinho comezaron o camiño á Copa África cun 4-0 contra Senegal

27 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Eran só uns nenos cando emigraron coa súa familia, movidos pola esperanza de labrar un futuro próspero. Durante máis de dúas décadas gañaron o pan e medraron en Burela. E por fin voltaron a Cabo Verde convertidos en destacados deportistas e dispostos a facer historia. É apenas un brevísimo resumo das vidas de Hélder Gonçalves Semedo (Rincón, 1996), Domingos Xavier Pinto Gomes (Praia, 2000) e Renato Rodrígues Monteiro, Renatinho (Praia, 2001), os tres fillos do municipio mariñán que tomaron parte na primeira experiencia competitiva da selección de fútbol sala do seu país de nacemento.

Formados na canteira do Burela FS, os tres foron incluídos na lista confeccionada polo seleccionador Manolo Pagani para comezar a andaina na disciplina nas eliminatorias de acceso á Copa África e tiveron un papel importante na vitoria por 4-0 contra Senegal nun Pavilhão Municipal de Carrafe cheo de entusiastas afeccionados. Tras a clasificación do combinado nacional masculino de fútbol para o seu primeiro Mundial e outros notables éxitos deportivos, o fútbol sala quere dar outra alegría aos 500.000 veciños do arquipélago.

Hélder encargouse de abrir o marcador co primeiro gol na historia da selección, o pivote do Xove FS Renatinho formou parte do quinteto titular e Domingos tamén gozou de minutos importantes para lograr unha vitoria que os sitúa moi preto da seguinte rolda. Os caboverdianos xa viaxaron para defender este mércores o resultado no partido de volta no Complexo Lat Dior de Senegal para xogar a seguinte eliminatoria contra Exipto os días 3 e 7 de febreiro.

O seu debut internacional confirma o bo momento de tres xogadores que coincidiron nas filas de O Parrulo Ferrol, en Segunda División, na tempada 2021-22. Actualmente, tras chegar a entrar na dinámica do conxunto de Primeira División do Burela FS, Renatinho destácase como un dos mellores xogadores de Segunda B, autor de 12 goles en 14 encontros co Xove, mentres que Hélder e Domingos compiten na máxima categoría de Polonia.

O primeiro destacou polo seu poderío e calidade como peche ou pivote no Vista Alegre antes de pasar por O Parrulo Ferrol, Xaén Paraíso Interior e Unión África Ceutí e agora é un dos referentes do KS Constract Lubawa, mentres que o á zurdo Domingos saíu de Burela sendo xuvenil e emerxeu dende o Santiago Futsal. Durante catro anos tomou galóns en Ferrol antes de fichar este verán polo Dreman Exlabesa Futsal.

As súas alegrías séntense propias en Burela, un municipio onde hai uns poucos meses documentaban 510 caboverdianos residentes, un 5,059 % da poboación. «E sen contar os que xa naceron aquí», precisaba o tenente de alcaldesa e concelleiro de Inmigración, Mario Pillado.

<span lang= gl >Hélder festexou con carraxe o seu gol.</span>
Hélder festexou con carraxe o seu gol. BRUNO DA MOURA

Hélder, autor do primeiro gol da historia da selección caboverdiana: «Levaba uns 20 anos sen pisar o meu país, isto foi impresionante»

«Funme de Cabo Verde aos catro anos, volvín de vacacións aos nove e xa nunca máis. Levaba uns 20 anos sen pisar o meu país, isto foi impresionante. Estabame pensando aproveitar para vir de vacacións este curso cando me convocou a selección», confesa un Hélder Gonçalves Semedo «orgulloso de pasar á historia como o primeiro goleador de Cabo Verde» e «feliz» de compartir con Domingos e Renatinho a pisada burelense na selección. «Xogar co noso país era un soño e facelo con xente coa que te criaches é espectacular. Burela deunos a oportunidade de gañarnos a vida, forma parte de nós e alí están supercontentos de que os representemos con Cabo Verde», apunta.

O futbolista do KS Constract Lubawa destaca a «boa pinta» do recentemente estreado proxecto de fútbol sala. «Fixeron unha moi boa labor de rastreo, tamén chamaron a moitos xogadores que están en Portugal, e sentáronse unhas boas bases de traballo. Creo que temos potencial para ser pronto unha das seleccións máis fortes de África», subliña Hélder sen dar por feita aínda a clasificación contra Senegal na primeira eliminatoria de acceso ao torneo continental.

«Xogar co noso país era un soño e facelo con xente coa que te criaches é espectacular»

«Gañamos 4-0 na ida, pero non nos confiaremos. Na volta pode pasar calquera cousa porque son un equipo moi potente fisicamente que nos pode poñer en apuros. Queremos pechalo e medirnos a Exigpto», detalla sobre o encontro deste mércores, aínda que satisfeito co rendemento mostrado polos seus compatriotas na ida. «Foi bastante igualado, pero desde o 2-0 controlámolo moi ben», destaca o autor do 1-0 nunha xogada na que chegou para rematar no segundo pau tras unha recuperación. Ezequiel Reis e Rui Fortes, por partida dobre, marcaron os outros tantos.

Hélder, ademais, confésase abraiado polo «ambiente espectacular» que respiraron en Tarrafal e chama a seguir traballando para outorgar pronto outra gran alegría a Cabo Verde: «Este ano fixemos historia no fútbol masculino e no feminino, tamén no balonmán e nós acabamos de estrear a sección, pero tamén queremos facelo».

Tras a súa experiencia internacional, pronto volverá á súa realidade no fútbol sala de Polonia: «Custoume adaptarme, especialmente polos horarios e o frío. Estivemos a menos 15 e 20 graos, e aquí, en Cabo Verde, temos 28 positivos, pero estou moi contento, síntome nun bo momento e a chamada da selección é un recordo moi bonito que gardarei para sempre».