Aitor Freiría, presidente e adestrador no Balonmán Viveiro: «Se queremos balonmán, temos que involucrar aos concellos limítrofes»
DEPORTES
Ningunha outra vila en máis de 70 quilómetros á redonda comparte unha paixón que acaba de facer campión galego ao seu conxunto alevín mixto
09 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Se o balonmán sobrevive en Viveiro, boa parte da culpa é de Aitor Freiría Lemos (O Porriño, 1989). No 2016 deixou Ibiza e un importante rol de xogador nunha división nacional para afincarse coa súa familia na cidade do Landro e só tres anos despois colleu o relevo de Enrique Villares na presidencia do club. Sen equipo sénior, desvívese por inculcar ás crianzas no Balonmán Viveiro unha paixón que ningunha outra vila comparte en máis de 70 quilómetros á redonda. Iso supón un enorme esforzo de xestións, viaxes e adestramentos que de vez en cando dá grandes alegrías, como o título galego de balonmán cinco que vén de acadar en Redondela o seu cadro alevín mixto.
—É presidente, e a cantos equipos adestra?
—Temos cinco equipos. Eu adestro ao infantil masculino e aos dous equipos alevíns, que teñen xuntos as súas sesións, pero cada un xoga contra o seu rival cada fin de semana. E despois Laura, a outra monitora, adestra ao infantil feminino e ao benxamín. Despois temos escolas deportivas en Cariño e Cervo, ás que vou eu, e en Burela, que vai Laura. Tamén tivemos en Xove, pero pararon o pasado curso ao pasar os rapaces ao instituto. Se queremos que haxa balonmán na zona, temos que involucrar aos concellos limítrofes e atraer algún neno deles. No infantil masculino temos un de Burela e outro de Cariño, no infantil feminino temos unha rapaza de Xove e outra de Burela... Se cada ano conseguimos que un das escolas deportivas pase ao club para competir federado, xa é unha gran axuda para manter o balonmán aquí.
—Cantos xogadores e xogadoras teñen actualmente?
—Actualmente, temos 72 licenzas federativas, só contando os que xogan no club. As escolas deportivas van a través de Xogade.
—O título galego do alevín mixto vén a demostrar que o balonmán en Viveiro está moi vivo, aínda que non haxa equipo sénior desde o 2022.
—Un equipo sénior sería un gran acicate para os nenos e nenas da base, pero desde que non o hai comezamos a traballar máis profundamente só na canteira e vén dando os seus froitos. Este ano o infantil masculino tamén quedou segundo de grupo, loitou por xogar o play off; o ano pasado este mesmo grupo quedou ás portas de clasificarse á final four, os benxamíns chegaron a cuartos de final... Ao final a xente quédase con que gañamos un campionato galego, pero estamos moi contentos polo traballo que se vén facendo e pouco a pouco dá resultados.
—Que teñen de especial estes alevíns?
—A maioría comezaron comigo con sete ou oito anos, xa levan catro ou cinco practicando balonmán e xa teñen uns coñecementos adquiridos que non terían se comezasen máis tarde. Dos oito que forman o equipo, a metade comezaron xuntos, coñécense de marabilla. Na pista notas que están moi coordinados. Iso foi un extra sobre outros grupos.
—Competir contra clubs lonxanos suponlles un esforzo extra...
—A viaxe máis preto é Pontedeume, ou Lugo, pero este ano tamén fomos a O Grove, Ourense... Unha viaxe non pasa nada, dúas tampouco, pero, cando o fas cada 15 días, a xente cansa. Temos establecido por cuestións económicas que ás viaxes dunha hora imos en coche, e iso supón un gasto para as familias, e imos en autobús ás de hora e media, dúas ou máis. Hai moitos rapaces e rapazas que comezan, pero con certa idade, en cadetes e xuvenís, xa non poden compaxinalo coas clases particulares e os exames; perden sábados ou domingos enteiros polas viaxes... É un hándicap para nós. Nalgunha ocasión, nenos de 10, 11 e 12 anos se teñen que levantar ás seis da mañá. É un problema para as familias, estamos moi agradecidos polos esforzos que fan e entendo que cando o valoran decidan quedarse con outros deportes que lles permiten ter uns horarios máis sinxelos.