Gustavo César Veloso remata a tempada terceiro do ránking de Portugal

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

O gañador da Volta sumou 605 puntos ao longo do ano

15 oct 2014 . Actualizado a las 04:58 h.

A Asociación Profesional de Ciclistas Portugueses vén de pechar o seu ránking anual do 2014. Un listado no que se recolle a puntuación dos corredores das escadras lusas en función dos seus resultados deportivos ao longo da tempada. E o vilagarcián Gustavo César Veloso finalizou no podio, terceiro cun total de 605 puntos. Por diante del, tan só o portugués Edgar Pinto, o xefe de filas do LA Aluminios-Antarte, gañador do ránking con 721 puntos, e o lugartenente de Veloso no OFM-Quinta da Lixa, o moañés Delio Fernández, segundo na clasificación final con 617.

Con este resultado Gustavo César, gañador este ano da Volta a Portugal, mellora o cuarto posto co que completara o ránking da APCP no 2013. Curiosamente, daquela fixérao con máis puntos, 651, co seu amigo e ex compañeiro de filas Álex Marque gañando con 781 logo de imponerse na Grandíssima, Delio tamén segundo con 741, e Pinto terceiro con 675. O OFM-Quinta da Lixa encadeou o seu segundo triunfo por equipos, con 2.250 puntos, polos 2.102 do Efapel-Glassdrive, de novo xusto por detrás no ránking da escadra de Veloso.