A traíña de Amegrove remará a Bandera de La Concha

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

MARTINA MISER

A organización da gran regata de regatas convidou o club grovense para cubrir unha renuncia

20 ago 2014 . Actualizado a las 11:44 h.

Con Samertolameu intratable na Liga Galega de Traiñas A a base dunha bancada feita a golpe de talonario, Amegrove quedaba o pasado domingo sen o premio á súa excelente tempada de transición, coa traíña de Meira reforzando o seu liderado ao termo da fin de semana que fixaba o corte para a Bandera de La Concha. A gran proba do banco fixo español decidía un ano máis unha única invitación para a LGT-A, destinada a aquel barco que a 17 de agosto figurase no alto da súa clasificación. Porén, Amegrove estará finalmente na bahía de San Sebastián o vindeiro 4 de setembro para disputar a contrarreloxio de acceso á gran final de La Concha, a Champions das traíñas.

Tras non lle dar arrebatado o liderado a Samertolameu, en Amegrove quedaban a expensas das habituais renuncias de barcos vascos, máis dun de segundo nivel, invitados polos responsables da Bandera de La Concha. Onte á mañá o adestrador e remeiro da traíña mexilloeira, Diego Portela, recibíu a ansiada chamada desde San Sebastián. «Houbo unha renuncia, inda non sabemos de quen, e chamáronnos a nós». O Gordo da lotería acababa de caer no Grove.

«Isto para nós é un premio. É o máximo. O mellor que lle podía pasar a este equipo», manifesta Portela. «Hai xente connosco que leva anos remando, e nunca disputara La Concha. E hai remeiros séniores de primeiro ano que van poder competir nunha regata para elixidos». Porque iso é o que é a gran cita donostiarra. Unha proba soñada por calquera deportista subido a unha traíña. Máis aló do que logo aconteza nas augas de San Sebastián, ser parte dunha das 24 tripulacións da contrarreloxio clasificatoria convírteo a un nun privilexiado.

Por iso, e porque acceder á Bandera de La Concha «non era o noso obxectivo este ano», lembra o responsable de Amegrove, «a nosa é unha tempada perfecta pase xa o que pase de aquí ao final», cun plantel moi renovado respecto ao bloque que asinara o tricampionato da LGT-A con Truco á fronte, remarca o seu sucesor na dirección técnica da nave amarela.

A sétima participación

Esa renovación multiplica o valor e o impacto da presenza en San Sebastián de Amegrove. Un club que sumará a súa sétima participación na Champions do banco fixo desde a súa estrea en 1999, e ao que tan só lle falta entrar a remar unha final. Coa traíña local, a Donostiarra, clasificada de oficio para as dúas xornadas da final, o 7 e 14 de setembro, os 24 barcos da previa loitarán polas sete prazas restantes. Por dúas veces se quedou Amegrove na contorna dos 2 segundos do pase ás regatas polo título donostiarra, no 2002 en asociación con Rianxo, e no 2010. Este ano poderá voltar probar sorte.