A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa


No houbo queixa da repercusión que, antes e despois da presentación, tivera nos medios de comunicación, en especial na edición de La Voz de Carballo, o noso libro Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa, no que contamos coa colaboración do baiés Alfonso Villar. A presentación fora no auditorio municipal de Zas o 14 de abril de 1989, nun acto presidido polo alcalde, Ramón Lois Ordóñez, e o concelleiro de Cultura Miguel Ángel Bouzas. Xunto coa Consellería de Cultura, o Concello de Zas subvencionara a obra. Ademais dos xornalistas, estaban presentes xogadores e directivos dos primeiros tempos (algúns xa se nos foron nos últimos anos). Na presentación falou tamén o autor do prólogo, o escritor e profesor malpicán Xelucho Abella. Entre as anécdotas, a dun afeccionado baiés que tempo despois me diría que, malia custarlle moito ler en galego, pasara toda aquela noite sen durmir devorando o libro; outra, a dun afeccionado de Noia, que ao día seguinte da presentación enviou un taxista a Zas para adquirir un exemplar.

O libro tamén tivera amplo eco na radio (Radiovoz, Radio Galega?) e na televisión, pois gozamos de entrevistas de ampla audiencia no Panorama de Galicia (TVE-G), e na aínda noviña TVG, polo menos en dúas ocasións: en Vivir aquí (1-5-1989) e en Arestora (6-6-1989), programa moi popular que conducía polas tardes o xornalista Fidel Fernán.

Cómpre engadir con fachenda que o libro fora finalista, en maio de 1990, en Vigo, dos Premios da Crítica Galicia, na categoría de Investigación, «por tratarse dun texto de investigación, non só deportiva, senón tamén histórica, sociolóxica e etnográfica». O xa falecido maxistrado Daniel García Ramos, que era da Baña, fora o seu máximo defensor.

Xornalistas e significados colaboradores de xornais e revistas tiveron a ben escribir naquel ano e no seguinte artigos laudatorios que trataremos de introducir, ao completo ou en síntese, na nova publicación que estamos preparando -Xosé Mª Rei Lema e quen subscribe- para o 50.º aniversario do C.D. Baio e da Liga da Costa: o académico Xesús Ferro Ruibal (Onde o fútbol aínda é deporte, en La Voz); José Teo (O equipo do faroliño vermello, en Atlántico Diario); Cibrán do Marco (O farol vermello do Baio e a fe na victoria de Álvaro Pino, en El Ideal Gallego); Suso T. Regueiro (Unha vila no espello da súa equipa de fútbol, Na Nosa Terra). Xelucho Abella publicaría na revista de pensamento cristián Irimia un fermoso e sentido artigo que, baixo o evocador título Hai que parar en Baio, relataba unha graciosa anécdota de dous veciños de Buño que reproduciremos no novo libro.

En fin, a repercusión mediática non só foi no ano da publicación, senón que mesmo acabou chegando aos tempos actuais. A existencia do libro fixo que nas historias xerais sobre o fútbol galego que nos últimos anos saíron á luz se lle fixese un lugar ao fútbol modesto e, en particular, ao da Costa da Morte. Na súa Historia do fútbol galego (1997) Anxo Varela dedícalle o capítulo 5 (15 páxinas) á Liga da Costa co título A lenda futbolística da Costa, que sen dúbida evoca a mitificación desta competición de equipos modestos. Case toda a información procedía do noso libro, que é citado en todo momento. Finalmente, acaba de saír en Edicións Xerais Todo sobre o fútbol galego, de Carlos Freire, unha especie de dicionario futbolístico ordenado alfabeticamente por temas diversos: equipos, xogadores, presidentes, árbitros, campionatos, ligas... Pois ben, a única liga de equipos modestos que ten unha entrada propia nel é a Liga da Costa, que fachendosamente figura ao carón da Liga de Campións. O autor relata en media páxina o que lle pareceu máis relevante da liga costeira («un dos campionatos máis emblemáticos do fútbol galego»), en especial a precariedade de medios das primeiras temporadas e a concepción da competición como algo familiar, baseada no entusiasmo e nas ansias de rivalizar co veciño da vila do lado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa