O libro conmemorativo das vodas de ouro do club vai collendo forma
17 ene 2013 . Actualizado a las 13:21 h.Xosé Mª Rei Lema -actual secretario do Club Deportivo Baio- e quen subscribe estamos traballando a fondo na redacción do libro conmemorativo dos 50 anos da existencia oficial deste club e da Liga da Costa. O 12 de abril de 2014 cumprirase este cincuentenario.
Tal publicación forma parte dos actos que a comisión encargada pola directiva do club decano da Costa -presidida por Rei Lema- empezou a preparar desde mediados do ano pasado. A primeira parte do libro será unha reedición corrixida -e aumentada nus casos, reducida noutros- do anterior, Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa, publicado polo Concello de Zas en 1989, que abarcaba as 25 primeiras temporadas. Non poucos afeccionados nos viñan reclamando tal reedición.
Totalmente novidosa vai ser a segunda parte, da temporada 1988-1989 ao remate da actual, 2012-2013. O fío condutor seguirá sendo a historia do C.D. Baio nas divisións onde competiu, pero tamén se atenderán as outras categorías onde litigaron equipos da Costa, das máis altas ás máis baixas.
Ademais dos resultados e das clasificacións finais de cada temporada, co lóxico engadido da competición da Copa, faremos moito fincapé nas anécdotas de cada temporada, para o que nos valemos maiormente das substanciosas crónicas do xornalista José M. Ferreiro.
Adiantamos que na primeira das temporadas desta segunda parte, a 26.ª, a maior parte destas anécdotas atinxían á violencia nos campos, un mal aínda non erradicado: conflitos entre xogadores ou destes e de seareiros ou directivos contra os árbitros, os chibos expiatorios dos encontros. Houbo partidos que se aprazaron por non haber colexiados, e non era de estrañar, pois aínda é difícil asubiar en Primeira División, con auxiliares, para canto máis en modestos «sos ante o perigo».
Os desacordos eran maiormente dos equipos locais cando perdían, pero non faltaron ocasións -escasas- nas que os colexiados acabaron sendo recoñecidos tamén polos da casa, coma no partido Carnota-Nantón (0-4), onde o santiagués Otero Álvarez «asombró a los seguidores de uno y otro equipo por su buena actuación. Fue ovacionado largamente como no se recuerda en el campo de Lombáns». Tamén houbo anécdotas curiosas e mesmo graciosas, coma no partido Muxía?Baio, no que o santiagués Rodríguez, cansado das continuas protestas dos xogadores, optou por darlle o asubío ó xogador local Papi dicíndolle: «Agora pitas ti».
O tamén santiagués Aníbal, no partido Outes-Baio, tivera unha tarde redonda: chegara 20 minutos tarde, perdeu o chifre ao sacar un cartón amarelo e logo expulsaría a un xogador local para despois recuar polas protestas locais dicindo que se equivocara.
Na Liga da Costa estiveron e están presentes os actos solidarios e altruístas, como a entrega da recadación do partido Corme-Ponteceso ao xogador cormelán Luís Suárez, que perdera a súa embarcación de pesca nun temporal. En Zas tamén se xogara un partido homenaxe a un xogador (Miñones) que sufrira un grave accidente automobilístico.
Entre as anécdotas máis curiosas desta 26.ª temporada están as do mítico meta Pepe, un dos fundadores da Liga co Porteño en 1964, que aínda era titular do Camelle con 45 anos longos; famosa fora a súa aposta dun cubalibre cun árbitro a que paraba un penalti que se lle pitara en contra. O colexiado tivera que apoquinar. Esa mesma temporada, Pepe, xogando de dianteiro, marcaría o primeiro gol oficial da súa vida; fora en Leiloio e déralle a vitoria ao seu equipo. Para anécdota graciosa a dun equipo, nos anos oitenta, no que xogaba un mestre, e, como moitos dos compañeiros foran alumnos seus, dirixíanse a el cun exquisito respecto: «¡Don Antonio, don Antonio, páseme o balón!». Só faltaba que lle falasen en castelán. Nin que dicir ten que os xogadores contrarios se partían de risa nos partidos.
Historia do Fútbol da costa