«Agora que temos opcións hai que empezar a meter a cabeza»

r. rivera / j. v. lado CARBALLO / LA VOZ

DEPORTES

O adestrador do CDM Piragüismo Dumbría aspira a adecuar mellor o río Xallas para o eslalon de augas bravas

07 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Henrique Rodríguez Portela (Tomiño, 1971) chegou a Dumbría hai algo máis de cinco anos para por en un funcionamento un club de piragüismo en augas bravas, cando ese deporte era un perfecto descoñecido na Costa da Morte. Só uns anos despois, os deportistas da entidade destacan nos campionatos autonómicos e o río Xallas ten unha vida distinta cada vez que acoden a adestrar.

-¿Como vai ser o comezo desta tempada para o club?

-A estrutura que fixemos os clubs galegos este ano está pensada para que as primeiras competicións autonómicas sirvan un pouco de pretempada de cara ás probas estatais, que son as realmente importantes. O comezo, aínda que o calendario témolo sen pechar de todo, será este próximo día 20, no norte de Portugal, en Vila Nova de Cerveira, e os rapaces xa están aí dándolle duro de cara a ese día.

-¿A preparación está centrada entón nas probas máis importantes do calendario?

-Digamos que si. Nós xa temos rapaces que están no centro de tecnificación preparándose para o máis alto rendemento e onde eles se van xogar as castañas é na Copa de España e no Campeonato de España. Con isto tratariamos de pasar á segunda fase dentro do club. A primeira foi para asentarse, para sacar rapaces, e agora, que se pode dicir que máis ou menos estamos aí e que temos opcións a nivel nacional, hai que que empezar a meter a cabeza.

-¿Cal é ese nivel no que se atopa o club dumbriés?

-Por por un exemplo, estamos falando dunha modalidade olímpica e o ano pasado escapóusenos o Campeonato de España dunha categoría, a de C2, polo que nós entendemos que foi un erro arbitral. Aí queda claro en que niveis nos estamos a mover. Ben é certo que nós onde contamos con obter os mellores resultados é nos cadetes, pero as nosas competicións van deportistas olímpicos e incluso xente con medallas olímpicas. Fomos un pouco pioneiros na provincia de A Coruña ao apostar aquí en Dumbría polo eslalon de augas bravas.

-¿Como se atrae a afección a un deporte tan minoritario?

-Aquí en Dumbría e arredores, uns arredores que chegan ata Carballo, temos a moitos rapaces. Kiara, a campiona galega infantil, é de Ponteceso, e ademais está tendo unha evolución física e técnica que, para min, lle da posibilidades de meterse entre as dez mellores no Campeonato de España. Así que seguimento si que vai tendo isto.

-¿Que obxectivos teñen para este ano que empeza?

-O noso primeiro obxectivo e seguir medrando. Canto máis ancha sexa a pirámide abaixo, máis alta pode chegar a ser a cúspide. Logo tratamos de afianzar o club. Nas probas autonómicas xa case somos os rivais a superar nas categorías dos pequenos e nas dos maiores, pouco a pouco, van chegando os resultados. As nosas participacións nos campionatos galegos case se contan todas por medallas. Ao mellor imos dez competidores e volvemos con seis metais. Despois, a nivel estrutura ao que aspiramos é a adecuar o río para a práctica do eslalon como Deus manda e ter un sitio que poida dar cabida aos adestramentos de grandes deportistas de toda España.