O exlíder do Tour di que Galicia estalle dando un «plus» á Vuelta a España
04 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Jesús Blanco Villar (Rois, 1962) é un exciclista galego que ao longo de 17 anos como profesional logrou 48 vitorias. No seu palmarés están a Volta a Galicia do 1985, catro etapas da Volta a España no 1986, e o maillot amarelo durante varios días no Tour de Francia do 1988, entre outros. Aínda que na actualidade non dirixe a ningún equipo, séntese moi vinculado ao ciclismo e estivo presente na Vuelta Ciclista a España ao seu paso pola Costa da Morte.
-¿Que lle pareceu a etapa que rematou en O Ézaro?
-Foi impresionante porque era unha subida nova, algo inédito. Tanto pola dureza da etapa como polas paisaxes foi todo un espectáculo.
-¿Que repercusión terá a Vuelta a España para a Costa da Morte?
-É un acontecemento importante que terá moita repercusión porque é ensinarlle ao mundo as fermosas paisaxes da zona e mostrar lugares descoñecidos para moita xente. Eu penso que está tendo máis éxito ca outros anos porque a aceptación do público foi moi boa en todos os lugares de Galicia polos que pasou. Viuse moito entusiasmo arredor da competición.
-Na Costa da Morte está habendo moita proliferación de clubs ciclistas.
-Creo que é unha tendencia xeral en Galicia porque agora calquera domingo atopas grupos facendo rutas en bicicleta. Tamén hai que destacar o enorme labor das escolas base de ciclismo que fan posible que saian corredores profesionais e que os rapaces se animen co deporte. Moitas veces sacan adiante proxectos sen grandes axudas económicas. Tamén creo que é un momento importante para o ciclismo porque cada vez está tendo máis afección. É un deporte que gusta e que ten tirón.
-¿Que lle parece a comarca para a práctica do ciclismo?
-É unha zona con recorridos moi completos porque hai moi boas estradas. Ademais, ten de especial que podes atopar rutas de montaña e rutas en terreo chá.
-La Voz de Galicia e Radio Voz organizan o Día da Bicicleta en varios concellos da zona. ¿Como valora estas iniciativas?
-Todo o que sexa xuntar aos rapaces cos amigos e coa familia é algo moi positivo. Ademais é bo que se fomente o deporte para que pequenos e maiores se conciencien de que é saudable.
-¿Que habería que facer para acadar maior implicación social coa bicicleta?
-Habilitar máis áreas axeitadas para a circulación, ben sexa arcén ou carril bici e concienciar de que este vehículo é débil e que hai que respectalo nas estradas.
Jesús blanco villar ex ciclista profesional e director deportivo