Carballeira de Caldas de Reis.
Carballeira de Caldas de Reis. Ramón Leiro

Osol fíltrase con dificultade na vizosa fraga galega. Cara ao horizonte, e fóra alén do antigo límite do bosque orixinario, albíscase unha aliñación uniforme e xeométrica que se estende polo val, asolagándoo todo coas súas siluetas esveltas. E aí comeza a conversa:

Carballo: Mirade cara ao monte, compañeiros. Outro anaco de terra cae baixo o seu dominio. Cada primavera que pasa, sinto as súas raíces retorcéndose baixo o chan, rascando a rocha e bebendo a auga antes de que poida chegar ao noso regato. Xa están aquí!

Bidueiro: Meu prezado Carballo, crecen cunha présa que asusta. Eu, que presumo de ser dos primeiros en erguerse cara ao ceo despois dun lume ou nun claro, agora sinto vertixe. Eles fannos sombra e medran por riba de nós. Ademais o vento nas súas copas non soa a murmurio; soa como a metal. Onde enraízan, o chan vólvese doutro xeito; as miñas sementes non aturan o seu cheiro. Onde quedou o vello arrecendo a terra húmida?

Teixo: Traen a présa do home que os plantou, non entenden o ritmo sagrado desta terra. Chuchan a auga das entrañas do monte coma se fose o último día, sen pensar no mañá. O peor vén cando chega o estío e o monte arde. Eles non arden coa nosa dignidade.

Bidueiro: Merlos e gaios din que as súas pólas son moi esvaradías e frías, sen recunchos onde tecer un niño seguro. Estamos condenados a que esta terra se converta nunha paisaxe muda e sen alma?

Carballo: Nunca, Bidueiro! As nosas raíces están cravadas no máis fondo da historia deste pobo. Somos a verdadeira alma da fraga. Eles cansan a terra, e o que cansa o chan acaba por morrer. Resistiremos!

Teixo: Así é, vello amigo. O home muda de parecer e de intereses habitualmente. Hoxe busca unha cousa e mañá outra, pero nós somos fillos da paciencia e do tempo. Vimos pasar os xeos, as pestes e as grandes secas... Agardaremos o momento en que a terra e mesmo os propios homes reclamen o que é seu.

Bidueiro: Entón, sigamos cantando co vento do norte. Que escoiten todos que aquí aínda hai vida de verdade, valente e brava.

Carballo: Así sexa, compañeiros. Axustade ben as pólas e mantede o chan firme. Que veña quen queira... Os señores do monte galego seguimos e seguiremos a ser nós.