O Consello da Cultura Galega presenta un informe que constata barreiras comunicativas, territoriais, de participación e interseccionais
19 feb 2026 . Actualizado a las 16:17 h.«Os dereitos culturais en Galicia non se están cumprindo». É a conclusión «practicamente unánime e rotunda» dun informe do Consello da Cultura Galega sobre o acceso á cultura que vén de presentarse e no que participaron 147 persoas de xeito presencial e unhas 400 a través de enquisas en liña. O documento, que xa se pode descargar da web do Consello da Cultura, constata que existen barreiras comunicativas, territoriais, de participación e interseccionais no acceso á cultura por parte da poboación galega. O informe, salientaba Paula Cabaleiro, nace dunha preocupación por parte do Consello da Cultura Galega sobre o cumprimento dos dereitos culturais, un novo paradigma que xa atraeu a atención tanto do Goberno central como das administracións autonómicas, xa que en moitos casos se está desenvolvendo normativa ao respecto.
As conclusións do estudo apuntan a que hai problemas de acceso tanto no ámbito da asistencia como da cocreación e a cogobernanza. Esta última é unha das principais dificultades, «moitas veces derivada das administracións», que non facilitan as canles necesarias para xerar estruturas participativas, explicaba Ruth Sousa, unha das responsables da investigación.
Tamén se constataron barreiras de tipo territoral, xa que as persoas participantes non perciben unha política cultural orientada a garantir o acceso cultural no ámbito rural. A percepción é que é a propia sociedade a que garante eses dereitos, moitas veces por riba das propias administracións. E tamén hai unha interseccionalidade das desigualdades, con eivas e vulnerabilidades que poden atopar todas as persoas, entre as que está o acceso á cultura.
O ámbito da comunicación tamén se analiza neste estudo, que amosa que moitas persoas non saben exactamente a que se refiren os dereitos culturais. «Calquera persoa, independentemente da súa condición, ten dereito a participar dunha vida cultural que mellore o seu status e que lle permita a cohesión, a sociabilidade e a non exclusión», explicaba Roberto Pascual, coordinador dun dos encontros.
Iso significa que non só se deben destinar orzamentos á programación, senón tamén a garantir que toda a poboación poida participar creativamente e recoñecer as súas capacidades para fomentar a cultura do seu territorio e da súa lingua propia. Como «dereito humano, fundamental e constitucional», o dereito á cultura ten moitas dimensións máis aló da asistencia como público, salientaba Paula Cabaleiro. Está o dereito a acceder á oferta, pero tamén á formación cultural e á cocreación: «Dereito a ter escenarios, plataformas e recursos para poder desenvolver a túa propia cultura» e, finalmente, á cogobernanza, que implica que as administracións públicas deben establecer espazos de participación real.
O Consello da Cultura convidou a representantes de diferentes perfís, tanto políticos como das administracións e institucións culturais, así como profesionais, empresas, asociacións e representantes do terceiro sector, además da propia cidadanía, a un exercicio de escoita e debate que se desenvolveu durante catro sesións en puntos das catro provincias galegas.
Os encontros valeron tanto para identificar problemáticas como para achegar recomendacións. Neste sentido, o documento chama a aplicar dende as administracións a normativa, dotándoa de recursos, así como a unha abordaxe das desigualdades estruturais con visión interseccional e incorporando o traballo a longo prazo e unha maior formación específica en dereitos culturais, así como a procura de estratexias de comunicación efectivas.
Outra das recomendacións ten que ver coa resignificación da potencialidade dos proxectos ancorados no territorio e poñer en valor a cultura comunitaria, o traballo de base de estruturas colectivas e horizontais, especialmente nun momento no que a sociedade tende ao individualismo.