Don Xesús, o alento do espírito crítico

Ramón Nicolás

CULTURA

Xesús Alonso Montero, retratado na súa etapa como presidente da Real Academia Galega.
Xesús Alonso Montero, retratado na súa etapa como presidente da Real Academia Galega. CESAR QUIAN

Mestre ou profesor de miles de alumnos, Alonso Montero, falecido este xoves, deixa un fondo legado en forma de obra ensaística e exemplo cívico

14 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Educado como fun, para ben ou para mal, no cultivo de certas normas de educación, nunca fixen un problema co tratamento de respecto a algunhas persoas. O caso é que, pasados os anos, a única persoa á que sempre tratei de vostede foi ao profesor Xesús Alonso Montero. E non se entenda como fórmula de distanciamento ningún, pois nunca o sentín con el, nin sequera nas aulas do Colexio Universitario de Vigo nos anos oitenta cando o coñecín, senón que pola miña parte supuña, inconscientemente, unha manifestación natural de recoñecemento e, tamén, de admiración, sustentada despois na amizade e nos lazos de afecto que o tempo foi tecendo entre nós.

Por iso estas liñas son poucas para testemuñar, e non saben ben como facelo, a importancia de alguén como don Xesús na vida de quen isto escribe porque se un se dedica á docencia e a outros mesteres vinculados coa palabra é porque existiron persoas coma el e que un tivo a sorte de atopar.

Unha das primeiras obrigas foi a de convidarnos, nin máis nin menos, a coñecer a Biblioteca Penzol para facer traballos sobre literatura medieval galego-portuguesa, malia el impartir literatura castelá. Estas cousas insospeitadas facían que a súa fose unha presenza moi valorada polo estudantado que acababa facendo causa co que nos suxería, unidos pola defensa da nosa lingua e da nosa literatura, sempre por riba de profesar esta ou estoutra ideoloxía.

Todo isto dito desde a gratitude dun filólogo que aquí debía subliñar, neste obituario que nunca quixera redactar, a capacidade oceánica do seu traballo, o legado en forma de libros e artigos xornalísticos e divulgativos que nos deixa, as súas virtudes como orador, o seu labor como socio-lingüista e investigador en calquera orde das letras —difícil, por non dicir imposible, de igualar ou emular— e o seu exemplo cívico e ideolóxico que pasou por ser, toda a súa vida e como el dicía, un aprendiz de comunista e, sempre, un activo defensor da memoria antifascista; tamén unha persoa que teimaba, e sabía como facelo, en espertar o espírito crítico na aula, ao ditar unha conferencia ou cun café polo medio.

Saliento, esta é a miña experiencia, a súa xenerosidade e empatía, a súa comprensión e o seu sentido do humor que agromaba nos momentos realmente importantes que foron os compartidos, e moitos deles quilómetros arriba e abaixo por Galicia toda: de Ventosela ou Fornelos a O Grove, da Coruña a Ourense, de Trives a Cuntis, de Lugo a Vigo... Todo isto que agora xa se fai de menos. Souben a noticia cando corrixía probas do libro Trinta anos de poesía crítica (1936-1966): unha antoloxía poética censurada no ano 1967 na que traballamos intensamente e que el xa non poderá ver publicada aínda que si chegou a revisar, lémbroo agora, moi polo miúdo hai escasos meses. Este libro, e a memoria dos que tivemos a sorte de tratalo, ha servir para que siga e entre nós. Gratias tibi ago, don Xesús. Beizón.

«Váisenos un amigo cándido e agarimoso», di Monteagudo

Por Héctor Porto

Todos coinciden estes días na faceta fondamente humana que posuía Xesús Alonso Montero, cualidade que se engade a evidencia indiscutible da obra ensaística e de investigación que o profesor deixa como sociolingüista, investigador e gran coñecedor da literatura e da cultura galegas. Un dos que más insiste nesta face é o presidente da Real Academia Galega: «Era un amigo cándido e agarimoso, preocupado polas angueiras dos seus próximos, que sufría cos nosos fracasos e celebraba os nosos éxitos. Cando volviamos falar despois dun tempo sen vernos, preguntábanos sempre por cada un dos nosos seres queridos, lembrándoos a todos, un a un, polo seu nome. Deixa un legado imborrable polos seus escritos sobre un abano enorme de temas literarios, senón polos seus innumerables discípulos, dentro e fóra das aulas. En todos nós queda a pegada, o exemplo e a grandeza dunha figura irrepetible».

E o despedía coa emoción na palabra: «Váisenos un intelectual sobranceiro, entre os máis significativos de Galicia desde a metade do século pasado. Váisenos tamén un compañeiro imprescindible, sempre disposto a servir o ben común, que, facendo un enorme sacrificio persoal, soubo tomar o temón da RAG nun momento extraordinariamente difícil e levar a nave a bo porto». Don Xesús será despedido esta mañá en Vigo nun acto íntimo que acolle o tanatorio de Pereiró.