Moitas son as lembranzas que gardo da miña aldea, Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo. Ourense). Unha das que máis saudades me trae é a de pasear por algunhas das galerías das moitas casas que alí conservaban este elemento arquitectónico de peche. De cativo, parecíame máxico estar naqueles corredores acristalados onde sempre reinaba unha temperatura agradable e unha luz intensa.
As galerías foron unha incorporación tardía á nosa arquitectura. Da man dos carpinteiros de ribeira, apareceron arredor do século XVIII. Hai quen sostén que naceron como unha adaptación dos castelos de popa das embarcacións da época, aínda que non foi ata ben entrado o século XIX cando o seu uso se xeneralizou entre os construtores populares. Se ben o seu berce está no litoral, no interior de Galicia tamén gozan dunha enorme popularidade, como xa subliñei no caso da miña aldea. Estes elementos son moito máis ca unha cuestión estética; son o mellor exemplo de adaptación ao clima para tentar acadar maior confortabilidade. Estas estruturas de madeira e vidro, que definen as siluetas de cidades como A Coruña ou Ferrol, supuxeron no seu momento unha verdadeira transición cara á modernidade.
Nun país de chuvias persistentes e ventos fortes coma o noso, a galería exerce de escudo, protexendo os muros do impacto directo da humidade. O seu deseño está pensado para crear un efecto invernadoiro: durante o inverno, a calor do sol queda atrapada tras o vidro, temperando o resto do fogar de xeito natural. Tradicionalmente, construíanse con madeira de castiñeiro e, máis tarde, de piñeiro, case sempre pintadas de branco para reflectir a luz e protexer a estrutura. O gran protagonista, porén, é o vidro, ao que se puido acceder grazas á Revolución Industrial, permitindo crear estruturas cada vez máis grandes e complexas.
A estética destas pezas evolucionou desde a sinxeleza das casas mariñeiras ata a sofisticación do modernismo. Hoxe, a arquitectura de cristal segue sendo un sinal de identidade único en Europa: un equilibrio perfecto entre a solidez do granito e a fraxilidade transparente, que, dalgún xeito, tamén define o carácter galego.