A Real Academia Galega inaugura un espazo na súa web dedicado a Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026
CULTURA
A RAG inclúe unha biografía sobre a escritora e xornalista, unha serie de entrevistas e reportaxes e unha escolma de fotos do seu arquivo persoal e de fontes diversas
08 ene 2026 . Actualizado a las 20:16 h.A Real Academia Galega (RAG) inaugurou onte na súa web un espazo centrado na xornalista e escritora Begoña Caamaño (Vigo, 1964?Santiago, 2014), a quen a institución dedicará o Día das Letras Galegas do 2026, cunha biografía que asina a académica Ana Romaní. A sección irase nutrindo con novos contidos divulgativos arredor dunha creadora que elaborou unha singular revisión dos mitos literarios «no desexo de interpelar o seu tempo, o noso tempo», e que emerxeu como narradora a partir das preguntas que se facía como xornalista, segundo apunta Romaní, quen foi compañeira de profesión e amiga da homenaxeada.
Neste senso, o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, salientou no seu artigo de apertura do ano a «soberbia achega á literatura galega» realizada pola autora viguesa, así como o seu énfase «na fundamental achega feminina ao seu pulo». Monteagudo confía ademais en que estas Letras Galegas, «tributo debido e oportuno» a Caamaño, contribúan á «merecida difusión popular» da súa narrativa, pero tamén da súa «exemplar traxectoria como periodista defensora da información veraz, en tempos en que a comunicación social está intoxicada pola divulgación de loias que espallan o odio, a intolerancia e a confusión». «A voz e a luz de Begoña Caamaño tinxirán de azul o Día das Letras Galegas 2026», conclúe o presidente da RAG.
A sección de Begoña Caamaño ofrece tamén unha escolma de fotos do seu arquivo persoal e de fontes diversas. Inclúe así mesmo unha serie de entrevistas e reportaxes que se estrea cunha conversa coa crítica literaria e profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela María Xesús Nogueira, unha das primeiras estudosas que afondou na narrativa de Caamaño, cuxa carreira, que comezou tardiamente aos 45 anos, se veu truncada polo seu prematuro falecemento. «A súa primeira novela, Circe ou o pracer do azul (2009), foi unha grata sorpresa innovadora», lembra Nogueira.
Tras reescribir o mito da Odisea, dándolles voz a Circe e Penélope, amante e esposa de Ulises respectivamente, Caamaño mergullouse na materia da Bretaña con Morgana en Esmelle (2012). En ambos os títulos desenvolveu «un modelo de escritura moi persoal e orixinal na narrativa do momento, construída conscientemente desde o feminismo» e «cun alto grao de elaboración literaria e lingüística».
«Hai toda unha arquitectura, tanto no que se refire á estrutura como ao código de ambas as novelas, que evidencia un modelo moi sólido», valora Nogueira, que explica os textos de Caamaño como «reflexións sobre o poder e o xénero». Nesa mesma liña, Romaní, en Begoña Caamaño. Definitivamente utópica, radicalmente vital, define a Circe ou o pracer do azul como unha «novela da amizade, dos amores, tamén sobre o poder, os desexos e a esperanza, a posibilidade de cambio», mentres que Morgana en Esmelle constitúe «unha reflexión contemporánea sobre o poder e a ética».
«Atenta lectora da realidade, audaz nas formulacións, vibrante no debate, sutil e delicada nas relacións persoais, a súa é unha biografía movida por unha magnética paixón vital de lúcida intelixencia e entregada determinación», expresa a académica nos primeiros compases dunha contribución que arrinca con «E se o que conta Homero non foi verdade?», a interrogante de Caamaño que estivo na xénese de Circe ou o pracer do azul. «Da pregunta da xornalista emerxe a narradora e a escolla da ficción como exploración do horizonte do posíbel. Comeza así a revisión literaria dos mitos no desexo de interpelar o seu tempo, o noso tempo. Literatura e xornalismo son, na autora, instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños», continúa.
Romaní viaxa deseguido ata a infancia de Begoña Caamaño, ao fogar do barrio do Calvario onde esta medrou, adormecendo entre as historias que lía en voz alta a súa nai. «Leo porque tiven a sorte de descubrir a maxia dende pequena. Porque tiven un avó que inventaba historias. Porque tiven unha nai que sentaba aos pés da miña cama e me lía poesías», recorda na voz dunha lectora voraz que se mergullou nos clásicos desde ben nova, e cuxa actividade xornalística e literaria ela mesma vinculou á paixón que a acompañou toda a vida.
O percorrido vital detense en como xermolou Circe..., na biblioteca da rúa Casas Reais de Santiago de Compostela, para logo escribila de xeito «case compulsivo», e no «debate contemporáneo sobre que modelo de sociedade queremos» que formulou en Morgana en Esmelle. Tamén se asoma ás súas contribucións máis persoais como xornalista da Radio Galega, onde ideou e dirixiu os programas Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite, ademais de ser parte do equipo do Diario Cultural. E non esquece tampouco o activismo de Caamaño, desde o seu espertar coas protestas estudantís que reclamaban descontos no transporte público cando cursaba 3º de BUP ata a súa defensa, xa como xornalista e sindicalista, «dunha información de calidade e condicións laborais xustas fronte á utilización partidaria, a manipulación informativa e a que consideraba usurpación dun ben social polo poder político». Como traballadora dos medios públicos —subliña Romaní— defendeu o seu papel esencial para o futuro da lingua e do país, outro dos eixes, xunto á súa obra literaria, destas Letras Galegas 2026.
A biografía repasa igualmente a súa implicación no movemento feminista, no que participou en espazos como Mulheres Nacionalistas Galegas ou a Marcha Mundial das Mulleres. «O feminismo vertebra o pensamento e a biografía de Begoña Caamaño. Fai del instrumento central do seu traballo intelectual», destaca Romaní na pasaxe na que rememora estoutras súas palabras: «É o momento non de cambiar as regras senón de cambiar de xogo».
O da autora das Letras Galegas 2026 foi en calquera caso un feminismo «liberador, asomado ás contradicións e urxido a se situar no mundo», no que a «alegría, o gozo, a risa e a felicidade son discurso político». Non podía ser doutro xeito. Porque Begoña Caamaño foi, en palabras da súa amiga Uxía Senlle tras a súa morte, «sorriso amplo e luminoso». Así tamén será recordada, sen dúbida, nestes vindeiros doce meses para reler ou descubrir as súas novelas, para reivindicar ese seu «xornalismo crítico e transformador», comprometido co galego e a cidadanía.