Convocada a cuarta edición do premio de oratoria en formato pódcast Ramón Otero Pedrayo

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Foto dos gañadores da última edición do certame.
Foto dos gañadores da última edición do certame. Santi M. Amil

No certame, que repartirá preto de 3.000 euros en premios, poderán participar os estudantes galegos de entre 15 e 18 anos

07 ene 2026 . Actualizado a las 18:00 h.

A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo ven de convocar a cuarta edición do premio de oratoria en formato pódcast Ramón Otero Pedrayo, que está destinado ao alumnado galego de entre 15 e 18 anos. As persoas interesadas en participar poderán enviar as súas pezas, en formato audio ou vídeo, ao correo da asociación (amigos.de.otero.pedrayo@gmail.com) entre o 10 de febreiro e o 25 de xullo do presente ano 2026.

Este galardón, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Lingua e da cooperativa agraria Coren, busca fomentar o coñecemento da figura do escritor e político galeguista entre os máis novos, así como alimentar o cultivo da oratoria, faceta na que o patriarca das Letras Galegas era todo un mestre. O fallo do premio, que consta de tres categorías e ten unha dotación que rolda os 3.000 euros, será dado a coñecer o 31 de agosto, data da onomástica de Otero Pedrayo.

Bases do concurso

Poderá participar no certame calquera estudante de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, grao universitario ou máster. A participación será individual ou en grupo.

Os temas preferentes das pezas que se presenten serán o medio ambiente, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía e a comunicación e a tradición orais. Todos temas do universo oteriano. O idioma deberá ser o galego. Ademais, cada peza deberá ter unha presentación do autor e do tema, unha mensaxe central e un peche.

A participación no concurso implica a cesión de dereitos de difusión das pezas á Asociación de Amigos de Otero Pedrayo. A programación, organización, execución e avaliación dos traballos presentados correrá a cargo desta mesa asociación. Ademais, a organización reservarase para si o dereito de xestionar a admisión das pezas e velará para que estas cumpran os requisitos recollidos nas bases e teñan a calidade mínima esixida.

A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo elixirá o xurado, que estará formado por cinco persoas expertas no campo da comunicación e da cultura e que, ademais de fallar o premio ao mellor traballo e difundilo por todas as canles das que dispón a entidade, seleccionará as mellores pezas non premiadas para poñelas en acceso aberto na súa páxina web. Na valoración das pezas terase en conta, de forma preferente, os seguintes criterios: vocabulario, voz e dicción, xesticulación (no seu caso), organización do discurso e argumentación e calidade técnica da peza entregada.

O certame resolverase nos meses de verán e os premiados daranse a coñecer o 31 de agosto do 2026. A entrega do galardón será en Trasalba (Amoeiro), nun acto que se organizará antes de finais de ano e no que haberá unha degustación de produtos Coren que  esta cooperativa ofrecerá no marco da súa colaboración co premio.