Unha reflexión sobre a relación da paisaxe coa identidade galega gaña o premio de oratoria Ramón Otero Pedrayo en formato pódcast
OURENSE CIUDAD
A casa museo do escritor en Trasalba acolleu a entrega dos galardóns da terceira edición do concurso que contou este ano con 25 traballos.
27 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Don Ramon foi moitas cousas, pero o valor máis importante que ten, para min, é o de orador. Era un mestre da retórica», dixo o presidente da Fundación Ramón Otero Pedrayo, Ramón López Pereira, no acto de benvida aos convidados á entrega dos premios de oratoria en formato pódcast que leva o nome do autor ourensán. Un certame que organiza a Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, en colaboración con Coren e coa secretaría xeral da Lingua da Xunta de Galicia, e que pretende animar ás novas xeracións a practicar as súas habilidades para a comunicación.
Un traballo titulado A paisaxe galega como símbolo da nosa identidade, foi o elixido como gañador. Obra de Sara Alonso e Martina Rodríguez, alumnas do Colexio Salesianos de Ourense. A proposta é unha orixinal reflexión sobre o vencello da paisaxe con todo o que representa a esencia de ser galego e, por suposto, coa lingua e a cultura. «De Otero Pedrayo xa sabíamos, pero o reto de facer este traballo animounos a investigar máis sobre el. E descubrimos que tiña un profundo amor e respecto pola paisaxe que, na súa obra, non é só ambientación: é protagonista», contou Sara pouco antes de recibir a réplica da estatua de Buciños que preside a praza do Correxidor de Ourense e representa ao escritor e pensador ourensán.
O segundo premio foi para Entre letras e lembranzas. Itinerario dun home de Trasalba de Ana González, estudante de Odontoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. A autora non puido estar para recoller o seu galardón, pero foi representada pola súa nai, Ana González Morenza, que dixo sentirse moi orgullosa dela. «A miña filla está moi ilusionada porque nós somos de aquí, de Trasalba e de Amoeiro», contou.
Ave Pedrayo, foi o orixinal título do terceiro podcast galardoado. Feito por Lucía Álvarez, Paula del Carmen Díaz, Antía Fernández, Catuxa González, Patricia López, Carla Montero, Joel de Amorín e Milagros Iglesias, do colexio de Carmelitas de Ourense.
Todos eles foron felicitados polo director xeral de Coren, Emilio Rial, que lles dixo que mellorar as habilidades de comunicación é algo esencial non só para os que aspiran a unha profesión vinculada ao mundo da información, senón para a vida en xeral. Rial lamentou na súa intervención que «no mundo académico, dende o nivel máis baixo ao universitario, se siga facendo pouco por isto. E comunicar ben é importantísimo, ábrense moitas portas», dixo. Lembroulles que dende saber expresarse nunha entrevista de traballo a poder sementar entusiasmo por unha materia escolar no campo docente, moitas cousas dependen desa facilidade para transmitir. Unha habilidade que si teñen os autores das tres obras gañadoras deste ano, como lles recoñeceu o Secretario Xeral da Lingua, Valentín García. «Estades levando un premio porque xa o sabedes facer ben. Promovede este tipo de iniciativas e dádelle moita importancia na vosa vida persoal, profesional e intelectual, e como as persoas que van a proxectar esta Galicia cara o futuro», dixo.