Desolador aspecto que presentan despois dos lumes as serras ourensás de San Mamede e de Chandrexa de Queixa.
Desolador aspecto que presentan despois dos lumes as serras ourensás de San Mamede e de Chandrexa de Queixa. Alejandro Camba

Aínda que nacín na Coruña, as miñas raíces están en Ourense e, máis concretamente, na Ribeira Sacra. Apenas me queda familia por aquelas terras, mais as lembranzas da miña infancia e adolescencia alí, xunto coas innumerables historias que escoitei, fanme sentir profundamente ligado a esa parte do país.

Coñezo bastante ben a provincia e as súas comarcas, e teño unha conexión especial coa maioría delas. A de Allariz-Maceda e a de Ourense tócanme máis de preto pola familia, pero creo que a provincia enteira é fascinante. Alén das súas propias características, aínda conserva trazos auténticos que noutras provincias galegas xa se perderon.

Non obstante, esa fascinación non pode ocultar os graves problemas que aflixen a provincia. A baixa natalidade, o envellecemento progresivo da poboación e o abandono do medio rural por parte da xente nova son factores que dificultan enormemente o seu desenvolvemento. Aínda lembro as longas tempadas que pasaba na aldea, a cantidade de xente e a vida que tiña durante todo o ano. E iso que os máis vellos xa dicían que era moi diferente a tempos pasados. Así foi evolucionando, tristemente, a socioloxía do interior galego en xeral.

Hai uns días lin que os incendios do pasado mes de agosto arrasaron máis do 10 % da provincia. Non o podía crer. Tras contrastar a información en varios medios, algúns falaban mesmo do 15 %, o que me pareceu terrorífico. Cando comprobei as imaxes por satélite, as feridas deixadas polo lume eran tan impresionantes que mesmo o dano me parecía maior.

É un drama real e terrible que se repite periodicamente, pero desta volta a magnitude foi un paso máis alá, e o que aínda pode vir. É algo arrepiante para todos os que somos conscientes do que significa esta atrocidade. Esta situación debería levarnos a unha reflexión profunda, e aqueles con competencias directas deben analizar o problema para atopar solucións a esta traxedia en espiral.

Se non actuamos, seguiremos na mesma: moitas lamentacións e pouca efectividade para resolver. Dóeme na alma Ourense, dóeme Galicia e a neglixencia destes desastres. Esváesenos a terra e, con ela, a vida.