«O Arde Lucus converteuse nun símbolo de identidade e orgullo para os lucenses»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZREDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MONCHO FUENTES

A Real Academia promove unhas xornadas sobre «A invención da tradición» centradas nas festas de recreación de feitos históricos

05 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O historiador da USC José Carlos Sánchez Pardo foi a persoa elixida para inaugurar no Museo Provincial de Lugo «A invención da tradición». Así se chaman as xornadas que promove a sección de historia da Real Academia Galega, abertas a todo o público, que afondarán nos porqués da aparición de festas que reconstrúen feitos históricos, os procesos sociais e culturais que explican a súa consolidación e mais a relevancia que ten para a proxección da historia no espazo público. No caso de Lugo, o experto falou do festival Arde Lucus: «Converteuse nun símbolo de identidade, de pertenza e orgullo, coido que como ningunha outra celebración deste tipo en toda Galicia e como poucas en todo o Estado. Non é simplemente unha recreación do pasado romano de Lugo, é algo máis: unha reinvención activa dese pasado que participa do presente».

«Malia ter só 23 anos de vida, podemos dicir que é xa unha festa tradicional, ten unha forza enorme», indicou Sánchez Pardo, quen considera, ademais, que se trata dunha celebración «ben feita». Nese sentido, subliñou o labor de asesoramento de especialistas como o arqueólogo do Museo Provincial de Lugo Enrique Alcorta. «Ten bastante fidelidade ao que se coñece historicamente, aínda que poderiamos dicir que como festa que é consiste nunha reinvención creativa do pasado na que se mesturan elementos históricos con licenzas artísticas», engadiu.

Tamén se falou onte da Festa da Istoria de Ribadavia. O historiador Anselmo López Carreira lembrou que, tal como se coñece hoxe, botou a andar en 1989, cando a escola obradoiro Santo André decidiu retomar cun novo xeito unha vella tradición que deixara de celebrarse en 1868. «A celebración orixinal consistía nunha representación, incluída nas festas da Virxe do Portal, baseada nun capítulo da Biblia que narra a loita entre hebreos e filisteos». A cita representa un pasado no que a pegada xudía ten un peso importante, debido a unha interpretación documental errónea que levou a comezos do século XX a sobredimensionar a presenza hebrea en Galicia, sostén o historiador.