Miguel Anxo Seixas Seoane: «Castelao é o home que nos fixo, nos fai e nos fará sempre mellores»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle da homenaxe floral no Panteón de Galegos Ilustres.
Detalle da homenaxe floral no Panteón de Galegos Ilustres. Sandra Alonso

Bonaval énchese para celebrar a vixencia do legado do intelectual galeguista

08 ene 2025 . Actualizado a las 09:49 h.

Foi un repaso por unha vida sempre ao servizo de Galicia, da súa lingua, da súa cultura e da súa identidade, pero serviu, ademais, para amosar que a pegada de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é contemporánea, con presente e tamén con futuro. Todo iso quedou de manifesto no acto cívico para conmemorar o 75.º aniversario da morte do ilustre galeguista. A igrexa de Bonaval encheuse desta volta para acoller tanto a representantes institucionais como a persoas de múltiples ámbitos que quixeron sumarse a efeméride que se erixe como punto de partida dun ano de actividades sobre a súa figura. «Temos que celebrar a Castelao porque é o que nos fixo, nos fai e nos fará sempre mellores a todos», lembrou ao comezo do acto cívico o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, despois de afirmar que o rianxeiro foi «o valedor do pobo galego» que «quería transformar a realidade para mellorala».

Precisamente, á vixencia do seu legado se referiron o conselleiro de Cultura, José López; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; que xunto ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, interviñeron neste acto promovido polo Fundación Castelao, o Consello da Cultura e o Museo do Pobo. O conselleiro —que falou en nome do presidente da Xunta, que non asistiu por problemas de saúde— resaltou que «se hoxe podemos gozar en Galicia dunha autonomía e democracia é grazas ao labor de personalidades como Castelao». Engadiu que se trata «dunha figura clave sen a que non se pode entender o galeguismo». Apelou ao consenso que hai sobre «este símbolo indiscutible da Galicia autonómica e democrática» para chegar a outros acordos, facendo referencia ao pacto pola lingua.

A alcaldesa de Santiago, tras salientar «a vida de compromiso e entrega coa nosa terra» de Castelao e de cualificalo como «a principal figura política e cultural da nosa historia contemporánea», apuntou que é obriga «recuperar todas as dimensións da súa obra e os seus pensamentos, para combater a desmemoria e a invisibilización». Goretti Sanmartín afirmou que «aínda faltan moitas mans para concluír a obra a que Castelao dedicou a súa vida, aínda cómpre seguir construíndo a nación que soñou».

Representantes da política, da cultura e cidadáns ateigaron a igrexa.
Representantes da política, da cultura e cidadáns ateigaron a igrexa. Sandra Alonso

O presidente da Deputación da Coruña subliñou que «a súa luz non só segue viva senón que continúa guiándonos como galegos comprometidos co progreso, a liberdade e a cultura». Tamén fixo fincapé en que «Castelao non é patrimonio dun tempo nin dun partido, senón que é un símbolo de todos os galegos e galegas que soñamos cunha Galicia máis xusta, solidaria e libre».

O presidente do Parlamento pechou as intervencións referíndose ao homenaxeado como a persoa que mellor interpretou a Galicia. Ademais, salientou que Castelao analizou a sociedade galega con intelixencia, ironía «e sempre desde o respecto», «sen traspasar liñas vermellas [...] e con desafortunadas sátiras», en velada referencia á estampiña de Lalachus nas badaladas en TVE.

Flores, música e unha sopa de «Cousas da vida»

Neste encontro conmemorativo do 75.º cabodano de Castelao non faltou a música, así como a ofrenda floral. A soprano Beatriz Riobó Agulla, xunto con Fernando Raña Barreiro (frauta) e Alba Barreiro Mariño (arpa), ademais do himno galego co que se pechou o acto, interpretaron, na honra do polifacético galeguista, varias pezas populares. Así, comezaron con Fuches ti para continuar cunha das obras preferidas do narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante, médico e político, a Foliada de Negreira. Despois interpretaron Cantiga de Marín para concluír con Lela, unha canción de referencia na cultura galega que parte de Os vellos non deben de namorarse de Castelao.

Ao concluír as intervencións sobre Castelao, dúas representantes da Asociación do Traxe Galego foron as encargadas de levar un ramo composto por doce rosas brancas ata o panteón onde repousan os restos de Castelao —seguidas por distintos representantes institucionais.

Se Rosalía ten o seu Caldo de Gloria, Castelao tamén conta coa sopa de Cousas da vida, unha homenaxe da chef Lucía Freitas ao rianxeiro. Está elaborada con caldo de cocido, touciño entrefebrado, xamón, chourizo afumado, allo, pementón doce, loureiro, aceite de oliva e castañas peladas. Onte puideron probala durante o acto o máis dun cento de asistentes que fixeron que as bancadas da igrexa quedaran pequenas. Ademais de representantes da Xunta, do Parlamento, do Concello, así como das institucións organizadoras, tamén acudiron, entre outros, o presidente da RAG, o reitor da Universidade de Santiago, o presidente da Fundación Rosalía e representantes do Concello de Rianxo.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, agradeceu á Fundación Castelao a mediación que fixo posible que unha veciña de Madrid —María Aparicio Vázquez— doara á institución autonómica seis obras do artista rianxeiro.