Ticknor

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

Detalle do retrato de George Ticknor realizado por George Sloane en 1895 (elaborado sobre unha obra anterior de Thomas Sully).
Detalle do retrato de George Ticknor realizado por George Sloane en 1895 (elaborado sobre unha obra anterior de Thomas Sully).

O magnetismo que exerceu España nos espíritos viaxeiros da segunda metade do século XVIII e primeira do XIX relaciónase, creo, co engado do Volksgeist, o espírito do pobo, concepto tan caro aos románticos alemáns e anglosaxóns. Fronte á Europa de alén os Pireneos, que coñece nesta convulsa época mudanzas sociais que están poñendo os alicerces do mundo contemporáneo, o secular illamento da Península, a atrofia dunha poboación fundamentalmente rural e un ostracismo impenetrable nutrido por militares, nobres e monarcas, e bendicido por curas e frades, eran o pano dun escenario ben disposto a todo tipo de truculencias. Dos bandoleiros fantasmagóricos de Potocki e o goticismo do luxurioso monxe de Lewis ás maquinacións dos hijos de Egipto, colegas de don Jorgito el inglés, a vella pel de touro foi decorado de toda casta de ladróns, facciosos, ventas remotas rexentadas por asasinos, mouras ávidas de sangue, frades libidinosos, sádicos inquisidores, monxas espectrais e demais artillaría narrativa do xénero.

Outros viaxeiros tiveron, porén, unha visión máis neutra e incisiva. Na selecta nómina dos turistas románticos fai parte preeminente o nome, pouco coñecido e escurecido polo fulgor do seu paisano e coetáneo Washington Irving, de George Ticknor (Boston, 1791-1871), autor dunha pioneira Historia da literatura española (1849). Tan erudito humanista visitou a Península en 1818, ao pouco da guerra da Independencia, e, como era habitual nos viaxeiros cultos, deixou perpetuadas as súas impresións nos correspondentes Diarios de viaje por España (excelente edición en Prensas de la Universidad de Zaragoza, 2012). Como adoita ocorrer, un espírito libre de prexuízos enxergará hoxe con facilidade nos desapaixonados apuntamentos de Ticknor as claves xenéticas de moitos males e eivas da nosa sociedade contemporánea. Lendo os seus diarios percibo, ao igual que o seu autor, unha áspera contradición: como é posible que o heroico pueblo español contra el francés loitase ata a extenuación por seguir perpetuando un país no que eran norma as necidades dun estulto Borbón e a basta estameña do hábito clerical o tacto dunha sociedade alienada? A eventual resposta é acaso máis inquietante que a propia pregunta.