Monte vide eu

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Centro Bergantiños de Montevideo, unha cidade cunha gran presenza galega.
Centro Bergantiños de Montevideo, unha cidade cunha gran presenza galega. MILLARES

19 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai días viaxei de novo a Montevideo, unha cidade que me fascinou dende a primeira vez que estiven alí a comezos do século XXI. Din que a orixe do nome da cidade é portuguesa, aínda que a súa explicación sexa un pouco arrevesada. A expresión atribuída aos portugueses sería a de «Monte vide eu», algo así coma eu vin o monte, frase que pronunciaría a expedición de Fernando de Magalhães ao divisar o cerro de Montevideo; mais polo pouco convincente que parece, en algúns ámbitos xurdiron outras teorías aínda que polo momento esa prevalece como a máis «oficial».

Montevideo é a capital da República oriental do Uruguai e conta na actualidade con case un millón e medio de habitantes. É lugar de acollida de xentes de moitos lugares, incluída Galicia dende as primeiras emigracións masivas a finais do século XIX e comezos do XX. Alí está o Centro Galego máis antigo do mundo, fundado o 30 de agosto de 1879. Xa algunhas crónicas contan que en 1728 arredor de 30 familias de orixe canario e galego, xunto cun continxente militar de 400 homes a bordo do barco Nuestra Señora de la Encina chegaron alí co obxectivo de poboar o lugar.

Montevideo é unha cidade relativamente sosegada dentro do que significa ser unha grande urbe, ten moita vexetación nas súas rúas e abundantes espazos de lecer, polo que sempre me pareceu un lugar moi humanizado. A oferta cultural é rica e variada; tampouco podería ser doutro xeito sendo lugar de nacemento do tango, en competencia directa con Bos Aires, o candombe, enraizado en África, levado por escravos e tamén popular noutros lugares de América do Sur, e como non, a murga uruguaia, típica sobre todo dos entroidos tan celebrados nesta cidade. Pero, como dicía, hai moitas galegas e galegos. Desta volta tiven o honor de coñecer a unha uruguaia de orixe galega que nunca esqueceu as súas raíces. Cristina Fernández, cunha voz marabillosa e unha importante obra editada, e o seu compañeiro de vida, Washington Carrasco, tamén músico e compositor. Dous seres humanos excepcionais cos que tiven a honra de compartir un corto pero moi proveitoso espazo de tempo, polo menos para min.