Cabo Verde II

CULTURA

11 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando os portugueses descubriron o territorio de Cabo Verde no século XV as illas eran un verxel deshabitado. Naquela altura este arquipélago foi chamado así pola densa vexetación que poboaba as illas, algo que contrasta coa aridez actual en boa parte do seu territorio. Aínda así, este territorio estratéxico, situado entre África, América e Europa, segue a ser un destino extraordinario e totalmente recomendable para visitar e desfrutar.

Polo seu enclave privilexiado, foi lugar de comercio de escravos no océano Atlántico, e a súa poboación na actualidade é fundamentalmente africana cunha fonda pegada europea consecuencia do legado colonial portugués. En 1975, Cabo Verde independízase de Portugal para seguir un camiño propio, inicialmente cun réxime socialista de partido único ata o ano 1990, momento no que acceden a unha república semipresidencial democrática.

Os idiomas falados en maior ou menor proporción en cada unha das súas illas son o portugués e o kriolu, baseado nunha mestura dialectal co portugués como base, realmente complicado de entender para nós.

Pero se hai unha forma de identidade destacable en Cabo Verde vén da man da música, piar fundamental de calquera cultura, pero que neste país adquire outra dimensión. A morna como forma de expresión musical caboverdiana por excelencia está omnipresente con todas as súas variantes en absolutamente todos os lugares. Nos transportes, nos hoteis, nos bares e restaurantes, nos comercios, nos aeroportos…

Este xénero musical, que foi declarado patrimonio da humanidade no ano 2019, e cantado fundamentalmente en kriolu, ten un son engaiolante e repetitivo coma se dun mantra se tratase. Acompañadas de xeito sinxelo con instrumentos de corda como a guitarra e o cavaquinho, nelas cóntanse historias que en ocasións semellan non ter fin.

De novo regresei a Cabo Verde e unha vez máis quedei fascinado coa súa calma, co seu modo de vida, coa súa gastronomía, co seu carácter afable e acolledor, pero sobre todo coa súa música, coa que conseguiron rachar fronteiras e situar o país no mundo. Quizais un bo exemplo para nós aprender.