Astros

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

14 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei hai algún lugar en Europa que teña unha tradición oral tan viva como a galega. Descoñezo tamén se pode haber outro punto do planeta onde se lle cante ao sol, á lúa e ás estrelas do xeito que o facemos nós. Podería ser, mais non teño a certeza. Sabido é que todas as culturas do mundo miraron cara os ceos tanto no día como na noite, e neles, a través do tempo, souberon ler, interpretar ou abraiarse de xeito semellante.

Aí están constantemente os sinais e aí as súas diferentes e semellantes formas de entendelos. Moitas desas interpretacións chegaron ata nós representadas en diferentes formas artísticas como poden ser os petróglifos e outros canles de transmisión material e inmaterial como a música. Alén está que sexamos quen de interpretalas co seu significado orixinal. A dificultade é o gran desafío de buscar a maneira de entender ese legado que nos deixaron os nosos devanceiros. As mentalidades mudan de seguido e son significativamente diferentes aínda que sobreviva ás veces un feble fío de conexión. Na transmisión oral latexa a forza que mantén vivo ese contacto que está aí e á vez indícanos que debemos ler entre liñas para descodificar tanto patrimonio acumulado.

Hai cantigas populares como: Aluméame, alumea, estreliña da fartura, / aluméame, alumea mentres que non ven a lúa, / Ao sol chámanlle Lourenzo e á Lúa Catarina. / Catarina anda de noite e Lourenzo anda de día, / Madrugada de San Xoán, madrugada máis garrida, / que baila o sol cando nace e ri cando more o día. / Púxenme a contar estrelas e a botalas nun sombreiro, / non as puiden dar contado ata que veu o luceiro.

Ou dentro da lírica medieval galega e da man do rei Alfonso X O Sabio, por poñer un exemplo, temos a fermosa: Santa María, Strela do día, móstranos guía, / para Deus e nos guía...

Son tan só algunhas mostras do impresionante acervo desa tradición que amosan que somos un pobo que dende tempo inmemorial rendemos culto á natureza, e neste caso a elementos visibeis e vitais do ceo. Do pasado quedan as representacións e o legado que por diversos vieiros chegaron ata nós. Tamén a significación ancestral vencellada ao considerado inexplicable. Do presente, a obriga de non deixar todo no esquecemento.