Rocío Leira: «Escribir en galego foi o curso natural, nunca valorei outra opción»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Rocío Leira (Cee, 1979), autora da novela xuvenil «Cicuta para dous».
Rocío Leira (Cee, 1979), autora da novela xuvenil «Cicuta para dous».

Matemática de profesión, a autora ceense, premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, di que hai que acabar coa dicotomía letras-ciencias

09 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Rocío Leira (Cee, 1979) vén de gañar o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil (Xerais) con Cicuta para dous, unha intrigante novela coa que pretende achegar aos máis novos a filosofía. Matemática de profesión e condecorada con numerosos recoñecementos ao longo da súa traxectoria literaria, está afincada en Compostela e dá clases nunha academia para universitarios. De feito, chancea dicindo que vive unha prolongación da súa experiencia de estudante. «É unha cidade que me encanta e que ten moita vida. Cando me xubile irei a tódolos actos que poida, sen dúbida», afirma.

—Que trae vostede en «Cicuta para dous»?

É unha mestura un tanto rara, unha novela de intriga filosófica. Creo que a filosofía non está moi tratada na ficción, especialmente na xuvenil, así que pareceume boa idea poder achegarlla á mocidade. Intentei facelo da forma máis amena e menos densa posible, cunha historia de intriga e misterio.

—A filosofía tampouco ten moita presenza na educación.

—Son matemática, así que parecerá que vou tirar pedras contra o meu propio tellado, pero hoxe parece que só importa aquilo que dá resultados inmediatos: a tecnoloxía, a ciencia, a informática... Non obstante, eu creo que a filosofía nos pode facer achegas moi valiosas, sobre todo nestes tempos de desinformación e bulos nos que vivimos. É máis importante ca nunca desenvolver un espírito crítico, unha personalidade que estea allea ás manipulacións.

—Que opina desa dicotomía letras-ciencias? Vostede leva ás dúas por bandeira.

—O ideal sería que fósemos todos o máis renacentistas posible, no sentido de ter un amplo abano de intereses. Na antigüidade era moi común que os matemáticos fosen tamén filósofos, e de feito son dúas disciplinas que traballan de maneira moi semellante, pero co tempo fóronse separando e mesmo enfrontando. Eu creo que os coñecementos transversais son máis necesarios ca nunca.

—Un anuncio por palabras publicado nun xornal é o punto de partida da súa novela. Ten un punto romántico...

—Eu son unha devoradora dos xornais en papel, xa non por ese aire romántico, senón porque penso que contribúe máis a desenvolver o espírito crítico do que falaba. Cada vez se consume máis dixital, e de feito creo que somos un pouco infómanos, pero non hai nada como pasar as follas para xerar coñecemento. O personaxe de Erundino é quizais o meu alter ego neste libro, un apaixonado dos xornais, que ademais analiza concienciudamente.

—«Búscase persoa curiosa para resolver un crime que aínda non se cometeu», reza o anuncio que abre o libro. Cando menos, chama.

—Escribir para adolescentes é un desafío, pois son lectores moi esixentes e é complicado fidelizalos, así que na obra tratei de xogar con ese primeiro anuncio para manter a intriga e que continúen pegados ás páxinas. Para min, a primeira misión dunha novela debe ser entreter, e se a maiores se pode deixar un certo pouso no lector, mellor.

—Como foi gañar o premio Jules Verne do selo Xerais?

—Foi como un soño feito realidade. Os Xerais xa son uns premios de transcendencia, de feito teño coñecido a xente que colecciona as obras gañadoras de cada ano, así que verme aí foi un soño. Teño unha anécdota deste ano: cando a editorial anuncia os finalistas faino dicindo o lema que presentou cada autor, e eu, que son un auténtico desastre, non lembraba o que mandara, co cal estiven durante toda unha semana sen saber se estaba ou non entre as finalistas. Dobre sorpresa!

—Ten dito que soe deixar as cousas sempre para a última hora...

—Teño moi pouco tempo, así que os concursos incentívanme ao ter unha data de entrega. Iso si, se a oficina pecha ás dez, eu estou alí ás dez menos cinco, no último momento [ri]. O problema que teño é que para min nunca alcanzo a versión definitiva dun texto, con cada lectura sempre atopo algo que cambiar ou que engadir.

—Le vostede moito?

—O de non ter tempo tamén se aplica aquí [ri], pero si, son unha lectora asidua. Intento ler case todo o que sae en galego e tamén me gusta a crítica literaria, para comparar coa visión que eu teño sobre as obras. En canto a gustos e temáticas, son moi ecléctica.

—Sempre tivo claro que escribiría en galego?

—Nin valorei outra opción. Son galegofalante e teño un compromiso coa lingua, así que para min non foi unha elección, senón o curso natural da miña escrita.

—Chegará a dedicarse profesionalmente á literatura?

—Son matemática de vocación, así que non me vexo dedicándome enteiramente á escrita, aínda que me encanta. Ademais, ese mundo ás veces implica un nivel de exposición que non vai moito coa miña personalidade, pois son bastante reservada.