Zeltia Montes: «Este filme é grande, pero o meu traballo é en soidade»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Jorge Gil | Europa Press

A compositora, «moi contenta» tras gañar o Goya á BSO por «El buen patrón»

14 feb 2022 . Actualizado a las 16:21 h.

«A noite foi moi longa», relataba onte Zeltia Montes (Madrid, 1979), que se amosaba «moi contenta, pero tamén moi cansada». Xa co goya á mellor banda sonora orixinal gardado na súa casa madrileña, a compositora do Saviñao lembraba como Fernando León de Aranoa se fixou na música que preparou para o filme de Marc Vigil El silencio del pantano (2019), un thriller psicolóxico que se exhibe en Netflix. Púxose en contacto con ela e faloulle do proxecto de El buen patrón. Tivo varias conversas co director, pero non é ata que dispón dunha primeira montaxe da película, xa en posprodución, cando comeza o seu traballo, «que sempre é contra o reloxo», porque sen ver esas imaxes «un non sabe moi ben o que facer, por onde tirar».

Pese a que ten unha ampla carreira detrás —xa premiada en citas como os Mestre Mateo ou o New York City International Film Festival—, Montes admite que esta é a produción máis ambiciosa na que se embarcou. Pero iso nin a condicionou nin lle causou estrés ningún. «Este filme é grande, pero o meu labor desenvólvese en soidade», en diálogo co realizador pero recollida no estudio que ten no seu fogar, onde prepara as maquetas ata que chega o día en que (coa axuda de seus colaboradores) ten que gravar. Entón desprázase a Hungría para interpretar a partitura de El buen patrón coa Orquestra Sinfónica de Budapest.

Como dixo no seu discurso de agradecemento ao recoller a estatuíña, débelle onde está aos seus pais. A súa nai, madrileña —que «tuvo que trabajar mañana, tarde y noche durante muchísimos años para pagar una educación carísima y para que su hija pudiera hacer lo que le gustaba; yo solo tuve que hacer la parte más fácil y más bonita, componer música»—, e ao seu pai, do Saviñao —que «intentó ser director de cine y ser cantautor y espero que a través de mí sienta que lo consiguió».

Avós, primos, toda a familia paterna é daquela vila luguesa, á beira do Miño, sobre a que xirou boa parte da súa vida e á que volve a miúdo. Un vínculo moi intenso que se traduce tamén nun vínculo non menos forte co cinema galego. Traballou con Chelo Loureiro (Tropa de trapo), con Raúl Veiga (O médico certo), con Guillermo García López (de nai galega, en Frágil equilibrio e Atlánticas), con Guillermo de Oliveira (Desenterrando Sad Hill), coa cantante Uxía e con Ignacio Vilar (Pradolongo, Vilamor e A esmorga). Conserva afecto por toda a súa obra, «por suposto», pero recoñece que ten especial querenza pola que elaborou para o cine de Vilar.

Agarda que o seu éxito, como deixou dito no estrado do auditorio do Palau de les Arts, en Valencia, dea visibilidade ás mulleres compositoras e tamén que sirva para que os produtores axusten á alza os orzamentos dedicados á música dos seus filmes, que lles faga reflexionar sobre «el valor que la música les da a sus películas», e que, entende, actualmente aparece maltratada nas planificacións económicas, xerando moita precariedade para os músicos.

Tamén lembrou aos españois en Los Ángeles, que foron como irmáns para ela, e a todos os que «alguna vez han tenido que emigrar para conseguir su sueño». Sabe da dureza desa experiencia, tan pegada á historia de Galicia. Ela afincouse na gran metrópole californiana oito anos, buscándose a vida, e tamén botou catro en Boston, onde residiu para poder estudar e formarse na prestixiosa Berklee College of Music. Está á vista que aquel esforzo lle rendeu a Zeltia Montes, que cumpre no cinema os soños de artista de seu pai saviñao.