07 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiven a sorte de estar en Chile en varias ocasións e de coñecer, aínda que fora un chisco, aquela marabillosa terra tan variada e rica culturalmente. Tan só estiven en Santiago, Valparaíso, Quintay e Isla Negra, mais a experiencia foi tremenda e serviume para coñecer xente coa que aínda teño amizade e contacto a día de hoxe. Moitos deses amigos son músicos e ademais moi vencellados á nosa cultura por diferentes motivos vitais.

Nalgunhas das conversas que mantivemos téñenme falado de Chiloé, un arquipélago situado no sur de Chile que cando foi conquistado polos españois rebautizárono como Nueva Galicia polo seu gran parecido coa nosa terra. Ese nome non prosperou e en pouco máis de cen anos volveu ao seu nome orixinal que é Chiloé, unha adaptación de Chillwé, palabra que en mapudungun (idioma dos mapuches) significa «lugar de chelles», que son unha especie de gaivotas de cabeza negra moi abundantes naquela zona. Por curiosidade investiguei ese lugar e o seu parecido con Galicia é abraiante polo que non me estraña que Martín Ruiz de Gamboa, conquistador de Chiloé, xenro do gobernador chileno de orixe galego Rodrigo de Quiroga, de Toiriz (Pantón, Lugo), lle puxese o nome de Nueva Galicia.

A súa capital foi inicialmente Santiago de Castro e hoxe tan só é Castro, unha fermosa e colorida cidade palafítica cunhas sorprendentes igrexas de orixe centroeuropea declaradas Patrimonio da Humanidade. Sobre a capital, o cronista tamén galego Pedro Mariño de Lovera di que puxeron «por nome a cidade de Castro na Nueva Galicia por respecto do presidente Castro, gobernador do Perú, que era galiciano, o cal provera a Quiroga como gobernador de Chile, que tamén era galego coma el».

Poucas reminiscencias galaicas quedan hoxe neste paradisíaco arquipélago austral chileno alén do clima e o parecido paisaxístico incrible mais algunha permanece en apelidos como Andrade, Ulloa ou mesmamente Bahamonde. Na súa mitoloxía hai seres ben parecidos ás nosas meigas e aos trasnos, así como no seu folclore musical certas cadencias con semellanzas ben curiosas.

Pola miña parte, queda pendente unha visita a este paraíso que está tan lonxe do que seguro que escudriñando podería descubrir cousas ben sorprendentes.