Vin nacer como escritor a quen nos acaba de deixar, e vino nacer como autor de poemas, de relatos e de textos moi próximos á Sociolingüística. Estou a lembrar o seu primeiro artigo édito, unha carta ao director dun xornal coruñés en decembro de 1968. O tema era «encol da nosa fala», o que proba o interese e o compromiso de Darío, con 16 anos, pola lingua galega. Meses despois, xa escribía poemas sociolingüísticos.
Nese ano (1968-1969), Darío cursaba o sexto de bacharelato e era alumno meu, de Literatura, no Instituto Masculino de Lugo, na compaña de Xesús Rábade Paredes e outros colegas non alleos ás inquedanzas literarias. Polas mesmas datas ocupouse a fondo polo léxico da aldea natal (Cospeito), o que o levou a recoller e compoñer un minucioso Vocabulario de Roás, hoxe obrante no ALXAM. O Darío entregado ao auténtico falar das xentes —a ferramenta dos escritores— xa era moi consciente da esencial importancia das palabras desde moi novo. Nalgún aspecto podemos aplicar a Darío o verso que Dante Alighieri, na Divina Comedia, lle aplicou a Guido Guinizzelli, o gran poeta italiano: «fu miglior fabbro del parlar materno» (Purgatorio, XXVI, 117). É o verso que Darío traduce «foi mellor fabre do falar materno», no que «fabre» («artesán») é un vocábulo que o tradutor atopou nun documento galego de 1259, tal como recoñece en nota.
Xa aquí, é inevitable asomármonos ás traducións de quen non só foi un gran poeta e un gran narrador. Evoquemos, ademais da Divina Comedia (1990), o Cancioneiro de Petrarca (1989) e Os trobadores de Occitania (2011), volume este dun provenzalista sabio, maduro e de coidado rigor filolóxico.
Darío, que sempre soñou unha Galicia libre e xusta (para todos), leva décadas, coa arma da palabra, construíndo o idioma á altura dese soño, e acadouno, nomeadamente, no territorio literario da tradución. Conta Borges que Dante escribiu a Divina Comedia para estar á beira de Beatriz, na ficción do Paraíso; tamén Darío, cando, como tradutor, ingresou no Ceo do gran poema, asomouse á utopía. A súa patria xa dispuña dun idioma no que se podían soñar outras utopías.