Teo: in memoriam

CULTURA

17 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Outro grande amigo que se nos vai. Chamábase Teodomiro Cardalda Fernández, igualiño, no nome e o primeiro apelido, que o seu curmán, o famoso músico e cantautor. Era de Vilaxoán, onde os veciños lle chamaban Teo, e con ese hipocorístico era coñecido en toda Galicia, na Galicia onde existen verdadeiras inquedanzas cívicas. Fóisenos o Teo, o grande amigo e camarada, o compañeiro xeneroso e solidario. Se algún día escribo un Libro dos amigos -no ronsel do composto por Otero Pedrayo en 1953-, o noso Teo protagonizará un capítulo especial. Tiña só 74 anos e desde o día 10 xa dorme fóra, deixando a centos de compañeiros un pouco orfos. Hai mes e medio viaxou a Córdoba para homenaxear a Julio Anguita.

Non tiña Teo estudos universitarios, pero posuía unha cultura política, histórica e literaria propia dos autodidactas guiados acotío pola curiosidade científica, nomeadamente ante as realidades socioeconómicas, tan ateigadas de inxustizas e ante as cales o noso Teo era implacable. En bastantes ocasións, o camarada Teo Cardalda amosábase alporizado, moi alporizado, alporizamento provocado polas eivas que definen, infelizmente, este momento social, desde a corrupción ata as mentiras delitivas de moitos dos que mandan.

Gobernado por esa musa -a da carraxe e a da indignación-, escribiu centenares de artigos na prensa comarcal dos que habería que publicar en volume -nunha próxima homenaxe- unha escolma. Sería o Teo en estado puro. Alén disto, os seus biógrafos terán que debruzarse sobre as actividades relacionadas coa historia de Vilaxoán, do Vilaxoán comprometido co progreso das súas xentes. Experto na vida de Valle-Inclán, proxectaba un estudo sobre a relación entre o xenial escritor e o seu Vilaxoán.

Moi novo, o noso Teo traballou na Citroën de Vigo, e foi en Vigo, basicamente, onde tomou boa nota do que dicían, facían e proxectaban os camaradas máis vellos (Waldino, Figueroa, Xaniño...). Virían, logo, anos e anos como oficial ou xefe de máquinas en remolcadores de altura, traballo no que se xubilou. Coñecía os problemas da xente do mar como poucos.

Que a terra che sexa leve, Teo, irmán!