Cartas eróticas en Meirás

CULTURA

Retratos de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921) e Benito Pérez Galdós (Las Palmas, 1843-Madrid, 1920)
Retratos de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921) e Benito Pérez Galdós (Las Palmas, 1843-Madrid, 1920)

21 may 2021 . Actualizado a las 16:05 h.

Supoño que, neste ano, o do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, algúns especialistas abordarán un dos xéneros literarios que ela cultivou a miúdo e sempre con talento, que era inmenso, como a súa cultura, a dunha autodidacta, por outra parte: o epistolar. Desde hai moito tempo interesa o seu epistolario amoroso con Benito Pérez Galdós, ao que lle dedicou a profesora Isabel Burdiel un brillante capítulo da súa maxistral biografía (Taurus, 2019). A profesora é historiadora de oficio (Historia contemporánea), escribe ben e gusta das páxinas literarias, que interpreta moi axeitadamente.

Volvéndomos ao epistolario amoroso, a biógrafa láiase, máis dunha vez, de que a relación Pardo Bazán / Galdós só nos chegase desde unha óptica, a da escritora, da que coñecemos un centenar de cartas, mentres que do escritor só dispomos dunha carta protocolaria, de 1883, anterior ao fervoroso e intelixente romance protagonizado por eles (1888-1896). Así pois, as cartas de don Benito a dona Emilia, moitas sen dúbida, foron destruídas ou aínda están nalgunha parte, hoxe por hoxe descoñecida.

Desde hai bastante tempo algúns estudosos teñen suxerido -ou afirmado- que tales cartas, tan escandalosas para a moral pública, foron queimadas no Pazo de Meirás por doña Carmen, a muller de Franco, obsesionada con salvar aos españois dos pecados da carne mentres o seu home nos libraba da fouce e do martelo do comunismo.

Hai poucos días, Susana Acosta publicou neste xornal (7-5-2021) unha interesantísima entrevista ao libreiro madrileño Guillermo Blázquez na que este afirmaba que, arredor de 1980, consultara, moi á lixeira, un lote de documentos galdosianos no que figuraban, como mínimo, dúas cartas «subidas de tono» de don Benito a dona Emilia. Corenta anos despois, o libreiro recordaba ad litteram un dos desexos do autor: «Deseo volver a verte para comerte los pechos».

Á vista deste testemuño é lícito sospeitar que as cartas non foron queimadas e, si, vendidas, loxicamente, por persoa interposta. Non esquezamos que dona Carmen, a caudilla, era unha muller moi pouco allea ás musas do lucro.