16 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cabazos son probablemente a tipoloxía máis antiga de hórreos de Galicia e poden ser coñecidos tamén con outros nomes como cabanas, canastros, cabaceiros, cabaceiras, etcétera. Son construcións rudimentarias de base redonda e feitas con materiais vexetais tendo un proceso de elaboración relativamente doado que depende fundamentalmente da habilidade de quen o faga.

Pequenos celeiros de tronco cónico que normalmente non superan o metro e medio de altura (teito aparte) artellados como se de un traballo de cestería se tratase, cun entrenzado de materiais vexetais flexibles, habitualmente ramas de abeleira ou salgueiro e que se ensanchan un pouco máis na parte superior. Neles almacénanse pequenas colleitas de millo e teñen unha cuberta cónica de colmo, xeralmente palla de centeo ou xesta. Os pés, cando os levan, son rudimentarios e soen ser de pouca altura acordes co tamaño do propio cabazo; noutras ocasións apóianse sobre unha pequena estrutura de cachotería sinxelamente. Eu descubrinos na comarca da Ulloa de onde é a familia da miña muller e onde tamén se concentran un bo número deles, algúns bastante ben conservados pero cunha triste tendencia á desaparición.

Noutras partes de Galicia sobreviven en menos cantidade, ao igual que no norte de Portugal, onde son coñecidos como canastros de verga. Por desgraza o seu desuso progresivo fai minguar o seu número e moitos están nunha situación ruinosa xa que ao estar feitos con materias vexetais o seu proceso de degradación é máis rápido.

Podemos atopar tamén este tipo de construcións agrícolas nalgunhas tribos da África subsahariana empregados como celeiros do mesmo xeito ca nós, o cal me fai pensar na moita antigüidade destas humildes construcións que algúns estudosos datan na cultura agraria do Neolítico. Sorpréndeme o incrible parecido destes nosos celeiros tan antigos coas desas poboacións humanas de Uganda, Senegal ou Etiopía que eu descubrín grazas aos estudos do etnógrafo polaco Eugeniusz Frankowski e dáme magoa saber que se non se pon remedio axiña desaparecerán. Son desas pequenas grandes cousas do noso patrimonio que deberiamos coidar porque nos fan únicos e universais.