O Cunqueiro poeta escintila con luz propia 40 anos despois da súa morte

Ramón Nicolás

CULTURA

ALBERTO MARTI VILLARDEFRANCOS

Unha escolma volve sobre o fabuloso enigma dos poetas inéditos que traduciu

28 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Falecía hai hoxe corenta anos Álvaro Cunqueiro. Catro decenios en que resulta indiscutible que a súa presenza, se se quere en termos literarios, o proceso da súa integración no canon literario do século XX, foi a máis. E teño para min que, como adoita ocorrer, a súa obra e a súa figura en xeral, comezou a se valorar coa obxectividade que as ferramentas da crítica e a investigación literarias foron xerando, isto é, como unha das máis grandes figuras das letras contemporáneas. Unha figura, ademais, que proxecta unha influencia decisiva, sempre con diferentes modulacións, na prosa e na poesía galegas, tamén no teatro, neste período de tempo que sinalamos.

E a dinámica que se instalou para considerar a súa obra como un valioso patrimonio tras o seu falecemento é posible que gozase dun impulso determinante coa decisión adoptada pola Real Academia Galega que permitiu, aos dez anos exactos da súa morte, que protagonizara o Día das Letras, en 1991, e, sobre todo, posibilitou a organización dun magno congreso en Mondoñedo, celebrado do 9 ao 13 de setembro, cunha duración e unhas dimensións sen dúbida impensables hoxe en día.

Para as persoas que tivemos a fortuna de asistir e participar, aquel encontro supuxo a confirmación da extraordinaria atención crítica que o universo Cunqueiro xa se testemuñaba naquela altura: unha bola de neve imposible de deterse. De feito, non é difícil advertir que o número das achegas interpretativas e críticas inspiradas nalgún aspecto do escritor lugués constitúen un inequívoco e afortunado ámbito como confirman as reedicións dos seus libros, a aparición constante de inéditos, a compilación da súa inesgotable obra xornalística ou as ducias de estudos monográficos ou traballos académicos e divulgativos que foron abrollando. Iso si, fóra da escaseza de achegas biográficas de carácter global, limitadas, polo de agora, á que subscribiu Xosé Armesto Faginas no ano 1987: unha proposta que aínda resulta, en moitos aspectos, referencial.

Para se sumar a esta efeméride a Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo promove, alén dun ciclo de conferencias e da organización dun concurso que convida á lectura das obras de Cunqueiro, unha publicación nunha edición non venal que moito nos gustaría que fose de difusión pública para persoas interesadas. Este libro, que ve a luz baixo o título de Cunqueiro XL. Escolma conmemorativa da poesía anosada por Álvaro Cunqueiro co adaxo do seu cuadraséximo cabodano, ofrece unha selección de poemas a cargo do profesor Xosé-Henrique Costas, hoxe por hoxe un dos especialistas máis salientables no proceso de recuperación e interpretación da obra dispersa ou inédita do autor do Merlín e familia.

Máis de 800 poemas traducidos

O libro presenta un total de cincuenta pezas de autores descoñecidos nas que Cunqueiro e o seu talento como poeta (e tradutor) escintila con luz propia. O editor afirma que o mindoniense, ao longo da súa vida, anosou máis de 800 poemas de máis de 400 poetas de nacionalidades e sistemas literarios distintos e que así contribuíu de maneira moi importante a prestixiar unha lingua coa achega de moitas mostras do mellor da poesía universal. Deste corpus global o libro conmemorativo rescata un medio cento de poemas pertencentes a escritores de moi diversas orixes e literaturas dos que o editor non atopou referencia -é un dos moitos fabulosos enigmas que adornan a obra do xenio mindoniense-, formulándonos, por extensión, varias preguntas: son poemas creados directamente por Cunqueiro?; son poemas de voces tan descoñecidas das que non se sabe nada? Velaí este verdadeiro xogo de máscaras tan puramente cunqueiriano. Poemas, como afirma o editor, de autoría espectral ou de alofonía fantástica? Marabilloso, Cunqueiro, sempre.

Profundan na obra xornalística do autor lugués co rescate dos mundos imaxinarios do Imperio Secreto

 

H. J. P.

O escritor e investigador asturiano Miguel González Somovilla (Arriondas, 1956) profunda no seu novo traballo, O labirinto do Imperio Secreto (Selva de Esmelle), na obra xornalística de Álvaro Cunqueiro para rescatar un dos máis misteriosos lugares imaxinarios que creou: o Imperio Secreto. O libro é dalgún xeito unha consecuencia directa do labor que desenvolveu Somovilla para sacar adiante a antoloxía Al pasar de los años. Artículos periodísticos (1930-1981), que preparou para a Biblioteca Castro e que concitaba unha selección de douscentos artigos da produción que o mindoniense publicara en castelán. De feito, foi o fillo, César Cunqueiro, quen lamentou que aquela reunión non incluíse algunha peza da guadianesca serie do Imperio Secreto.

O novo volume trata de fixar o territorio (pantasma?, invisible?) deste locus fantástico que en ocasións parece ubicar na península Ibérica pero outras dilúe en sitios perfectamente indeterminados. Nun dos artigos radica a súa capital «a la orilla del Camino de Santiago», en O Cebreiro, onde «hay tanta claridad», di, que: «Fue la luz esta la que hizo dorados los ojos de sir Percival, que antes los tenía grises...».

Cunqueiro adoita sacar a mención o Imperio Secreto para abordar desde perspectivas de aire irreal -con miradas á maneira distópica de Orwell ou Huxley- asuntos de actualidade como poden ser o racismo en EE.UU., o apartheid en Sudáfrica, pero tamén temas como eleccións, tecnocracia e censura. Esta brincadeira simbólica permítelle opinar, ofrecer unha posición crítica, agochado nun brumoso mapa trazado sobre os mundos soñados.

PEPA LOSADA

Historia arqueolóxica da casa-museo do escritor, dezaseis séculos de vida

 

H. J. P.

Con motivo do 40.º aniversario do pasamento de Álvaro Cunqueiro (1911-1981), Mondoñedo celebra hoxe diversos actos de conmemoración, cunha ofrenda floral no Cemiterio Vello ante a tumba do autor de Escola de Menciñeiros; o nomeamento como Cunqueiriana de Honra da profesora Rexina Vega; a maratón de lectura pública da novela Merlín e familia; ou a presentación do libro Arqueoloxía cunqueiriana, que edita a colección Selva de Esmelle que promove a casa-museo do escritor. A publicación, obra do arqueólogo municipal Abel Vigo García, recolle os resultados dunha longa investigación asociada á recuperación do edificio que permite, entre outras conclusións, documentar testemuños da súa ocupación continuada entre os séculos V e XXI, cun paréntese no XV motivado pola destrución parcial ocasionada polo importante incendio que asolou daquela a vila luguesa.

Pero os traballos prospectivos, explica Vigo, van máis atrás, alén do medievo, para detectar restos que sinalan o feito de que a casa se asenta sobre solo con orixes baixoimperiais que teñen un dos seus principais argumentos no arco de medio punto que se pode apreciar no chan da cafetería, na planta baixa. Trátase dunha estrutura de pedra de dous metros de altura que sería o inicio dunha bóveda que se proxecta de norte a sur e que formaría parte da construción dun sumidoiro, unha cloaca romana típica, para a evacuación de augas residuais e pluviais, e que polo seu notable tamaño obedece á rede pública, non a unha instalación de vivenda particular. O asentamento romano no val de Mondoñedo pode enmarcarse avanzado o século III, en que iría absorbendo paulatinamente os poboados castrexos dos montes dos arredores. Porén, non hai constancia da ocupación como casa, segundo apuntan os restos de cerámica -os terra sigillata hispánica de procedencia rioxana- e os indicios dos traballos agrícolas na horta traseira, até o século V, como subliña Vigo.