Tempo de Natal

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

29 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia é un pobo de fondas raíces cristiás que mesturadas cos antigos rituais paganos anteriores conforman unha relixiosidade moi particular. O cristianismo foi aceptado polos galegos pero evolucionou impregnado de connotacións extraídas dos ritos populares converténdose en algo único. No tempo de Nadal, coinciden o solsticio e o nacemento de Xesús con toda a carga simbólica que iso supón. Un período que a nosa tradición recolle ritualmente nun ciclo que abarca dende o 24 de decembro ou Noiteboa ata a epifanía ou Reis o día 6 de xaneiro.

Tempo de recollemento e celebración dende a fe cristiá do que quedou un impresionante legado que poucas culturas posúen dun xeito tan vivo grazas a que aínda atesouramos unha rica tradición oral que goza de boa saúde. Cantos de Nadal, panxoliñas, vilancicos, xaneiras, aninovos, aguinaldos ou cantos de reis son algúns dos tipos de melodías propias deste tempo. Instrumentos como a gaita, tambor, bombo, cunchas, pandeireta, tarrañolas e calquera utensilio percutivo caseiro serven para acompañar estes cantos podendo ser algunhas veces, sinxelamente vocais. Non só se trata de cantos populares porque os cantos litúrxicos, claramente influenciados pola tradición, tamén tiveron e teñen unha grande importancia. Neste sentido, os vilancicos das catedrais de Mondoñedo, Ourense ou Santiago, incluso outras de fóra de Galicia, son unha boa mostra disto.

Existen tamén unha chea de composicións musicais máis actuais como as dos padres D. Manuel Feijoo ou D. Xesús Mato entre outros. Tamén a parte culta da nosa literatura ten autores como Celso E. Ferreiro, Manuel María, Díaz Jácome ou F. Bouza Brey entre outros que deixaron textos e poemas relacionados con este tempo. Hai interesantes estudos, composicións e moitas gravacións entre as que destaco os traballos Panxoliñas de Xoán Rubia e María Manoela editado no ano 1977, Galicia canta ao neno de Fuxan os Ventos do ano 1978, e Cantigas de Nadal de varios autores galegos do 1998. Testemuñas artísticas dedicadas a un tempo do ano que se foi desvirtuando e que cada un de nós vivimos ao noso xeito. Mais sen dúbida, se é con música de raíz, moito mellor!