Ollada de Abulfeda

CULTURA

26 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O príncipe e logo sultán Abulfeda, guerreiro de sona nacido en Damasco en 1273 e descendente de Saladino, distinguiuse coma guerreiro, historiador e xeógrafo, e na súa Xeografía incluíu unha curiosa e interesante Descrición de España. Nesta obra hai unha breve referencia a Galicia que me parece moi digna de mención, quizais porque aínda podemos recoñecernos nela (ou, cando menos, recoñecer o noso pasado).

«Galicia -escribiu Abulfeda- non ofrece dificultade algunha e o vencedor anda por terras faltas de recursos, consistindo a maior parte do alimento en millo miúdo e maínzo. A xente é humilde, de baixa orixe e molestos; teñen baixos costumes, pois non se limpan nin se lavan con auga fría, senón unha ou dúas veces ó ano, nin tampouco lavan os seus vestidos desde que os poñen ata que se lles esfarrapan, mais teñen unha bravura indómita e non ven a retirada cando saen ó seu encontro, considerando a morte coma unha cousa banal».

Unha curiosa descrición que se compón de dúas partes ben distintas: a miseria dunha contorna pobre, climaticamente adversa, e o valor -a bravura- duns habitantes nativos que non se pregaban ante ningún adversario, malia as súas severas carencias. É dicir, temos noticia clara da súa pobreza e do seu valor, e todo iso dito en só seis ou sete liñas porque, polo visto, Abulfeda non necesitou máis para describir a nosa suprema dualidade.

E eu, nacido no último curruncho da Terra Cha luguesa, no verdegante municipio da Pastoriza, onde medra o Cordal de Neda -co seu Cristo do Fiouco, que une o meu concello co de Mondoñedo e tamén (ollada de por medio) co de Abadín, tal como se recreaba en acreditar Álvaro Cunqueiro-, sentín a chamada dalgún pasado histórico ó ler a parrafada de Abulfeda, tan aparentemente contraditoria en si mesma. Porque quizais algúns veciños da miña nenez non andaban tan lonxe dos bravos seres que describía Abulfeda aló polo século XIII ou XIV. Seres que, se cadra, eu vin nos meus primeiros anos, antes de que chegaran a luz eléctrica, as estradas e os televisores que tanto igualan hoxe as nosas cosmovisións. O resto aínda segue a ser futuro.

Abulfeda morreu en Hama (Siria) en 1331, aos 58 anos.