«Ons», unha illa para espir emocións

CULTURA

Debutara con A noite que deixou de chover (2008) no cine galego un dos seus filmes máis singulares -entendido o adxectivo na acepción da RAG, «que non hai outro igual, que é pouco común»-, ao tempo unha fascinante carta de amor ao seu berce compostelán -xunto con As belas durmintes (2012), as mellores filmacións da xeografía da cidade-. E volve agora pola senda que o reivindica como un dos valores mellor consolidados e con firme pegada autoral do noso audiovisual, pese a ser pouco prolífico. Alfonso Zarauza -coa complicidade do fotógrafo Alberte Branco e a súa paleta de cores ben acaídos- regresa a outro espazo, a illa de Ons, pracenteira cando o estío, infernal cando a invernía, para unha trama de emocións que afecta de maneiras varias ao conxunto dos personaxes, en especial a parella que se despraza ao lugar onde ela naceu. Veñen a algo máis que a visitar a parentela, veñen procurando cura aos seus males. El turrando dunha depresión, ela quizais a recuperar o amor e algo máis.

Este crítico sentiuse cómodo co uso do territorio e participou da conmoción que implica a eses veciños. Quizais porque Zarauza -e a súa coguionista, Jaione Camborda- acerta ao ter balizada a xeito unha historia que contarnos en Ons. E sen renunciar ao seu toque persoal, cun respecto pola estrutura narrativa clásica e -permítaseme parafrasear ao cineasta no pressbook de promoción- afastándose «de efectismos estridentes, de extravagancias experimentales y lenguajes crípticos». Con esa afirmación, que comparto, fai tamén unha proclama de principios que o sitúa entre o cumio do -modesto pero moi digno- Olimpo que conforman o actual panorama audiovisual do país.

Estamos diante dunha obra ben redondeada, pura nas súas esencias formais, por veces deixando respiro á intelixencia do espectador, cun uso da luz e do espazo -tamén do son, aquí ben afinado- que entendo deberan ser parte dos sinais de identidade dun ecosistema de trazos propios, como o son noutras cinematografías atlánticas. Remato cos actores, soberbios, comezando por Melania e Morris, e por engadido, os restantes.

«ONS»

España, Portugal. 2020.

Director: Alfonso Zarauza.

Intérpretes: Melania Cruz, Antonio Durán «Morris», Xulio Abonjo, Cris Iglesias, Miguel de Lira, Marta Lado, Anaël Snoek, Diego Anido.

Drama.

87 minutos.