Samuel Diz rende tributo, coa guitarra de Lorca, á escritora da xeración do 27 María Teresa León

Gravado na Huerta de San Vicente, en Granada, na casa museo do universal poeta, o disco preséntase en Galicia con concertos en Santiago e A Coruña

Samuel Diz, na Huerta de San Vicente, en Granada, na casa museo de Lorca, coa guitarra orixinal do poeta
Samuel Diz, na Huerta de San Vicente, en Granada, na casa museo de Lorca, coa guitarra orixinal do poeta

Redacción / La VoZ

O guitarrista e investigador Samuel Diz (Tui, 1986) réndelle tributo á escritora da xeración do 27 María Teresa León, unha homenaxe para a que gravou un feixe de composicións musicais daquel grupo poético e tamén do exilio republicano español, na súa maioría inéditas. E, sobre todo, fíxoo tocando a guitarra de Federico García Lorca e elixiu un escenario especialísimo en Granada, a Huerta de San Vicente, finca de veraneo familiar do autor de Yerma e que agora acolle a casa museo.

O froito dese rexistro é o álbum Memoria de la melancolía, que retoma a autobiografía de María Teresa León -en outono cumpriranse os 50 anos da publicación de Memoria de la melancolía (Losada, 1970) en Buenos Aires- como folla de ruta polas cidades que ela habitou, explica o propio artista, que visitou diferentes arquivos e escenarios coma Madrid, Roma, Ciudad de México, París e La Habana, último destino deste percorrido e onde, lembra, coñeceu a Aitana Alberti León. Os pormenores deste traballo, da pesquisa, están recollidos nun amplo libreto que acompaña o disco, publicado por Poliédrica e que culmina a liña de investigación lorquiana que comezou con Impresiones y paisajes, como el primer libro de Lorca, editado no 2015 polo mesmo selo.

Memoria de la melancolía é o primeiro álbum gravado coa guitarra orixinal de Lorca, construída por José Ortega en Granada arredor de 1906 e restaurada en 1996 por Francisco Manuel Díaz por iniciativa da sobriña do escritor Laura García-Lorca. A guitarra é xa toda unha icona do século XX; de feito, dende a súa restauración, non son poucos os creadores de talla internacional que buscaron a súa maxia: Vicente Amigo, Tomatito, Bob Dylan, Patti Smith e Lou Reed, entre eles.

Despois da estrea do proxecto o pasado xoves 10 de setembro en Granada con este instrumento histórico, Diz ofrece en Galicia -onde tocará cunha copia facsímile da guitarra de Lorca, construída expresamente para o músico galego polo mestre Francisco Manuel Díaz- os dous seguintes concertos da xira de presentación, co apoio do fondo cultural do Xacobeo 2021.

Dúas actuacións

A primeira cita é este mércores en Santiago, na Fundación Eugenio Granell, onde Diz ofrece cinco micro-concertos (ás 12, 13, 17, 18 e 19 horas) acompañado polo músico lalinense Benxamín Otero. Estas interpretacións, sinala o artista, dialogarán co contido da exposición Maruxa Seoane: achegamento a María Elvira Fernández López, creando un espello entre as figuras de María Teresa León e Maruxa Seoane e lembrando os seus anos de exilio na Arxentina.

Xa o domingo 20 de setembro a cita será no Museo de Belas Artes da Coruña, onde o guitarrista e o oboísta Benxamín Otero contarán coa participación da poeta Yolanda Castaño, quen porá viva voz a fragmentos das memorias de León nunha tradución ao galego. Será ás 12.30 horas, como parte dos actos de clausura da mostra O legado de Maruxa Seoane, que completa (e se completa) o retrato da Fundación Granell.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Samuel Diz rende tributo, coa guitarra de Lorca, á escritora da xeración do 27 María Teresa León