01 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña primeira referencia sobre os druídas veu a través dos contos de Astérix. Panorámix exercía como tal, ataviado cunha longa túnica branca e sempre cunha fouce coa que apañaba o sacro visgo para elaborar a súa poción máxica.

A pouco que un estea interesado na cultura céltica, sabe que os druídas son unha parte fundamental para poder entendela. A etimoloxía da palabra druída é confusa e existen varias teorías ao respecto sendo a de «os homes dos carballos» quizais a máis estendida. Esta era a árbore máis sagrada para eles ao tempo que as antigas carballeiras ou lubres eran os espazos onde facían os seus rituais e celebracións.

Pouco se sabe deles mais que o que deixaron escrito gregos e romanos nos textos clásicos e sempre dende a perspectiva de colonizadores. Iso si, deixando claro que eran unha elite social de sacerdotes e filósofos digna de admiración e que infundían un tremendo respecto nos seus adversarios ou inimigos.

A sabedoría dos druídas abarcaba un gran número de disciplinas como a medicina, a botánica, a astronomía, a filosofía ou a teoloxía, e eran os encargados de empregalas e transmitilas, sempre de xeito oral, xa que o segredo das súas ensinanzas era incompatible con deixar textos escritos.

As referencias máis importantes sobre os druídas chegan dende as Illas Británicas e dende a Galia, lugares nos que, segundo contan os textos referidos a eles, nin os reis podían decidir sen o seu consentimento. Sempre tiñan que ser escoitadas as súas opinións antes de tomar calquera tipo de decisión importante.

En Galicia apenas hai referencias sobre druídas pero algunha temos, como a que quedou escrita no Leabhar Gabhála Éireann sobre Amergin Glúngel, da tribo dos milésians que comandou dende Brigantia unha expedición para vingar en Irlanda o asasinato de Ith, o fillo de Breoghán. Tamén variadas alusións literarias ao popular Merlín do ciclo artúrico e diversos estudos sobre o controvertido bispo Prisciliano, quizais un dos últimos druídas de tradición. E na toponimia, entre outras, temos a antiga Nemetobriga, actual Trives, que significa «cidade sagrada», quizais dos druídas.