25 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantos pesadelos tiven por mor dun cadro da Inmaculada Concepción esmagando a cabeza dunha serpe, supostamente encarnación do demo, que colgaba na cabeceira da cama do cuarto da aldea onde durmía habitualmente. A virxe, vestida de branco e cunha capa azul celeste, lucía unha coroa de raíña que á súa vez estaba rodeada por un círculo de doce estrelas. Ao tempo que pisaba e machucaba a cabeza da maligna serpe, a súa cara semellaba impasible.

Eu miraba para ese cadro con inquietude e a miña avoa afanábase en me explicar o seu significado, segundo ela o entendía. Miña avoa, igual que a miña nai, tíñalle pánico ás serpes, e contaban moitas historias referidas a elas, sempre dentro dun contexto negativo e maligno. O motivo principal deste rexeitamento popular pode deberse en boa parte a ter sido sentenciada pola igrexa como animal simbólico portador da tentación e o mal, igual que sucedeu con moitos outros animais venerados en culturas anteriores á chegada do cristianismo.

E no caso dos ofidios, nada máis lonxe da realidade atendendo ao benfeitoras que son para os ecosistemas nos que viven, controlando pragas que doutro xeito poderían ser moi prexudiciais para nós.

É certo que as menos son velenosas, e se por calquera motivo as pisamos e nos morden o efecto pode chegar a ser molesto, pero en xeral non son agresivas excepto en defensa propia.

En Galicia atopamos representacións de serpes dende ben antigo como as de Campo Lameiro, unha gravada na pedra da Beillosa con máis de 4 metros de lonxitude en aparente actitude reptante e outra máis pequena no castro de Penalba. No castro de Troña en Mondariz temos outra representación serpentiforme bastante coñecida como tamén o é a da serpe alada de Gondomil en Ponteceso.

Nas igrexas románicas son múltiples as representacións de ofidios e tamén na arquitectura popular en cruceiros e en menor medida en hórreos. Non se pode esquecer tamén que aquí chegou e estivo asentado o pobo celta dos Saefes, cuxo animal totémico eran as serpes, símbolo do seu poder guerreiro. Quizais algunha destas pegadas tivesen relación con eles.