Alan Lomax


lan Lomax foi un dos máis grandes etnomusicólogos. Nacido en Austin - Texas no ano 1915 finou no 2002 despois de dedicar practicamente toda a súa vida a recoller músicas tradicionais a través de gravacións de campo. Músicas que ficarían no esquecemento ou desaparecerían no tempo se Lomax non percorrese unha boa parte do mundo facendo estes valiosos rexistros sonoros.

Comezou acompañando ao seu pai, que tamén era etnomusicólogo, gravando cancións a presos e traballadores no sur dos Estados Unidos e realizando un excelente traballo de inventariado e clasificación. Mais o interesante deste investigador foi a súa viaxe polo mundo, coa súa gravadora, rexistrando e documentando mostras de folclore musical de países tan diferentes como Irlanda, India, Escocia, Romanía, Marrocos, Inglaterra ou España entre outros. Tamén foi un gran divulgador do folclore a través dos medios de comunicación e o seu incansable quefacer deixou un impresionante legado do que podemos gozar hoxe nas redes grazas ás novas tecnoloxías.

Visitou España no ano 1952, en plena ditadura franquista, onde fixo importantísimas compilacións da tradición musical dunha gran parte do territorio, sempre baixo a atenta vixilancia do goberno. Por suposto Galicia foi un deses lugares nos que no inverno de 1952 estivo rexistrando esas antigas sonoridades que quedaron recollidas nun traballo que posteriormente foi editado, recentemente, en formato dixital. Lomax documentou gravacións de música galega feitas nas provincia da Coruña, de Pontevedra e Ourense. Tamén, no seu paso por Palma de Mallorca rexistrou ao cuarteto coruñés de gaitas Os tempranos de Eirís que estaban tocando na illa naquel momento. E nese frío inverno do 1952 en Faramontaos (Nogueira de Ramuín), rexistrou o impresionante son do asubío dun capador, cuxa melodía abre este marabilloso traballo chamado xenericamente así; Galicia, e que ademais serviu de inspiración para que o mítico músico de Jazz, Mile Davis, gravase o tema The Pan Piper sobre ese engaiolante son. Pero esa é outra historia, unha máis das moitas vencelladas a Lomax na súa aventura pola nosa terra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos
Comentarios

Alan Lomax