Desconfinamento virtual de Carvalho Calero

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Carvalho Calero fala nun acto da Academia o 17 de maio de 1980, en presenza de Marino Dónega, Domingo García-Sabell e Francisco Vales Villamarín (de esquerda a dereita)
Carvalho Calero fala nun acto da Academia o 17 de maio de 1980, en presenza de Marino Dónega, Domingo García-Sabell e Francisco Vales Villamarín (de esquerda a dereita) arquivo real academia galega

Institucións e colectivos trasladan ás redes a celebración do 17 de maio: este domingo hai pendurados documentais, exposicións, retratos, entrevistas e diverso material

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun paseo por Compostela tirou Moncho Rama unha das imaxes icónicas de Ricardo Carvalho Calero. Chapeu, gabardina, carpeta, paraugas e mirada afastada na praza da Quintana. Que ironía que o 17 de maio que leva o seu nome as rúas vaian estar case baleiras. Porén, haberá festa da lingua galega. Non ía haber. Sen pleno da Real Academia (adiado ao 31 de outubro) nin concerto do Consello da Cultura (tamén adiado). Sen acto institucional da Xunta e xente que aínda está saíndo da Alameda. As Letras Galegas son, hoxe virtuais. Pero igual de Letras. Diferentes institucións e colectivos deseñaron unha ampla programación cultural para dar a coñecer a vida, a obra e a importancia que tivo, que ten, Carvalho Calero no progreso da cultura galega.

Non hai pleno, pero a Real Academia Galega debuxa con palabras un retrato intimista e acaído de don Ricardo. Compromiso, galego cabal, poeta, filólogo, galeguista, soñador, lingua, gramática, orador ou independente son algúns dos termos que utilizan académicos e académicas, así como persoas que trataron ou estudaron a Carvalho Calero para definilo a través dos pequenos vídeos que ao longo deste mes irán conformando Unha palabra para don Ricardo.

Ademais, a Academia ofrece unha serie de entrevistas máis de vagar que afondan sobre diversos aspectos da obra e da vida de Carvalho Calero a través das voces expertas de Pilar Pallarés, Carmen Blanco, Dolores Vilavedra e Laura Tato, así como coas testemuñas de Asunción Fernández e Antonio Fernández, por exemplo. O Portal das Palabras réndelle homenaxe a través do léxico e a Primavera das Letras achega contidos para que a cativada coñeza quen foi don Ricardo.

Tamén a Xunta deseñou unha intensa programación cultural en colaboración, por exemplo coa AGAL, que vén de estrear un sitio web monográfico no que hai diverso e valiosísimo material como diversas pezas documene,tais, referencias bibliográficas e fotografías, así como unidades didácticas, e a imaxe icónica de Carvalho Calero. En colaboración coa AGAL tamén se deseñou a exposición A voz presente, cuxos materiais estarán dispoñibles no Portal da Lingua e que iniciará o seu percorrido por Galicia e Portugal en canto sexa seguro. O mesmo acontece coa exposición Don Ricardo de Fingoi, que repasa a súa etapa en Lugo e que se pode consultar no web carballocaleroenlugo.org. 

Caricaturas de Siro

O Portal da Lingua tamén ofrecerá diverso material sobre Carvalho, como seis caricaturas feitas por Siro, a serie de seis vídeos de divulgación arredor da figura do ferrolán feitas por Xan Leira e Acuarela Comunicación e o novo libro Ricardo Carvalho Calero da colección As miñas primeiras Letras Galegas impulsada por Edicións Bolanda.

Música de todo tipo e a ambas beiras do Atlántico

A música tamén se suma ao Día das Letras. Unha ponte sobre o Atlántico reúne en Nova York a Isabel Pérez Dobarro, María Medín, Manuel Mayo e Yago Vázquez, e en Galicia a Francisco Fernández Naval, Fátima Delgado, Malvares de Moscoso e Francisco Castro, unha sesión que se poderá seguir en Facebook Live ás 18.00 horas en Galicia e ás 12.00 na cidade norteamericana.

Pola súa banda, Un canto a Galicia xuntos celebra as Letras e promove a defensa do sector da festa popular galega. Reúne a artistas dende a París de Noia, Panorama, El Combo Dominicano a Lucía Pérez, e poderá seguirse ás 21.45 na canle de YouTube @Un canto a Galicia xuntos. Outros músicos que publicaron vídeos co gallo do 17 de maio foron Uxía, Andrea Pousa e Bruxo Queiman.

Pola súa banda, Uxía súmase á campaña das Letras da plataforma Queremos Galego cun vídeo no que xunto con Sérgio Tannus pon música ao poema A fala, de Manuel María. Trátase dun canto de esperanza, forza e resistencia de cara ao futuro do galego. Entre os convidados, figuran nomes tan coñecidos como Teté Delgado, Carlos Blanco, Ugia Pedreira e Xurxo Souto, entre outros.

Contos, poemas, obradoiros e vídeos para participar no Día das Letras

A celebración do Día das Letras tamén é unha data sinalada para as comunidades galegas na emigración. Pensando nelas a Secretaría Xeral da Emigración preparou diversas actividades. Por exemplo, un contacontos para cativos e un obradoiro para aprender a debuxar a figura de Carvalho Calero. O programa comezará a partir das 16.00 hora española e pode seguirse no Facebook Live de Galicia Aberta e na web da secretaría xeral. Ademais, en colaboración con Política Lingüística e a Federación Galega de Universitarios Sénior emitirase ás 10.30 e ás 17.30 unha xornada académica sobre Carvalho Calero -gratuíta con inscrición previa- na canle de Fegaus.

Pola súa banda, Afundación tamén se suma ás celebracións virtuais. Na súa sección Educación en casa habilitáronse diversos materiais co gallo do 17 de maio. Atópase un conto que convida a percorrer a vida do escritor, actividade que se pode completar con outra na que varias pezas das coleccións de arte de Abanca e Afundación axudarán a compoñer un retrato completo de Carvalho. Precisamente o seu bisneto tamén participa noutra iniciativa, uns vídeos nos que varios poemas len versos de dous poemas. Por último, a escritora Estíbaliz Espinosa conduce o vídeo inaugural dunha serie na que se poñen en valor os traballos de diversas figuras que promocionan o galego en diversos ámbitos.

O Consello da Cultura estrea un «Ferrol 1916» musicado

Aínda que tivo que adiar o seu habitual Concerto das Letras, o Consello da Cultura seguirá agasallando música para celebrar as Letras. Hoxe mesmo estreará a adaptación musical do poema Ferrol 1916 que fixo o compositor Miguel Brotóns (Alacante, 1965) do poema de Calero incluído en Futuro Incondicional. A peza está interpretada por Alejo Amoedo ao piano e a soprano Patricia Rodríguez Rico.

Ademais, e como vén sendo tradición, o Consello tamén presentou unha edición fascsimilar dun texto relacionado coa figura homenaxeada. Esta vez o texto escollido é A farsa das zocas, que se edita con estudo crítico que Carlos Vizcaíno. Este ano, a presentación vén acompañada dunha lectura dramatizada un tanto atípica a cargo de Melania Cruz, Tito Asorey e María Vázquez que foi gravada e editada por Lucía Rodríguez Regueiro que conta a historia dun triángulo amoroso con motivación económica como trasfondo.

E a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) inundan de novo as redes co cancelo #etiquetadosengalego para promover o uso do galego e Feiraco volve a poñer en marcha o seu concurso de relato breve que este ano vén da man dun certame infantil de artes plásticas.

As bibliotecas públicas tamén se suman á celebración das Letras Galegas con diversas actividades e a Cidade da Cultura convida a participar nun videomosaico da obra de Carvalho Calero que está a coordinar Pilar Pallarés.

Ofrenda floral con medidas de distancia social en Compostela

A Real Academia celebrará hoxe unha pequena homenaxe presencial a Carvalho Calero diante do seu derradeiro fogar, na Carreira do Conde. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, colocará o arranxo floral acompañado da académica Margarita Ledo, quen lerá un poema do homenaxeado. Asistirán como convidados o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e Antonio López, reitor da USC, na que Carvalho Calero se converteu en 1972 no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega en Galicia. Tamén unha pequena representación da xestora de Queremos Galego fará unha homenaxe, cumprindo coas medidas de distancia. diante do busto do autor en Santiago.

Lecturas, escrita de poemas e outros festexos do 17 de maio

A do 17 de maio é unha data demasiado simbólica como para que o confinamento a deixe sen celebración. Ademais das numerosas iniciativas virtuais que contribúen a festexar o Día das Letras en liña, son moitos os que honran o galego e a súa literatura de xeitos ben diferentes.

Algúns aproveitan para as lecturas ou relecturas. É o caso da gaiteira e pianista Cristina Pato, que desconectará do seu traballo a distancia para a universidade volvendo ás páxinas de Scórpio, de Carvalho Calero, despois de lelo por vez primeira hai máis de vinte anos. Relectura é tamén o que fará o escritor e xornalista Antón Castro, quen durante máis de vinte anos daba en Zaragoza, onde reside, unha charla sobre o autor homenaxeado o 17 de maio. Este ano non será posible, pero si a relectura de Cunqueiro, Dieste, Otero e Fole, ademais das páxinas de Follas novas.

O xornalismo arredor de Carvalho Calero ocupou a semana de María Solar, cun ZigZag monográfico sobre o escritor que emite este domingo Televisión de Galicia (15.15 horas), pero a tamén escritora participou ademais en distintas iniciativas virtuais como vídeos e entrevistas na Rede, nas que leu anacos da obra de Carvalho ou dos seus propios libros. «O día é o día», explica Solar como argumento para non deixar de sinalar o 17 de maio como unha data especial no calendario. Algo semellante fará o escritor e editor Francisco Castro, convidado polas Letras no Instagram do actor Rubén Riós.

Pola súa banda, Manuel Rivas tamén alternará xornalismo —traballo no seguinte número de Luzes— con literatura: «O que teño previsto é escribir. Ando cun libro de poemas que se titula Ex-poemas». E poesía será o que lea Oliver Laxe nos Ancares, onde se atopa estes días, en concreto, de Luisa Castro, a quen coñeceu recentemente, e que compaxinará con traballo, xa que da limpeza de fincas acumulou moito ramado e ten previsto, agora que ten permiso, dedicarse á queima.

As Letras é un día de estar en familia e iso é o que vai facer a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez. «É a primeira vez que imos estar xuntos en dous meses», polo menos os fillos e netos máis próximos. «É tamén un día para estar atentos ao clamor cultural» e ao fervedoiro creativo ao que ten levado a pandemia.

A escritora Berta Dávila pasará entre letras o día das Letras. Ademais de afondar na lecturas das novas adquisicións agora que reabriron as librarías, é probable que tamén aproveite a xornada para escribir.