Cibrán Sierra: «Un bo sistema académico estimula os perfís socráticos e non a "burrocracia"»

O violinista, que vén de sacar praza como docente na Universidade do Mozarteum de Salzburgo, advirte dos graves efectos da crise no eido da música

O violinista ourensán Cibrán Sierra
O violinista ourensán Cibrán Sierra

Redacción / La Voz

A partir do vindeiro curso o violinista Cibrán Sierra (Ourense, 1979) iniciará a súa actividade como catedrático de música de cámara na Universidade do Mozarteum de Salzburgo. Unha boa noticia que contrasta coas cancelacións do seu conxunto, o Cuarteto Quiroga, por mor da crise do coronavirus, cuxos efectos, advirte, van ser durísimos no sector.

-Que foi o que o motivou a optar á praza en Salzburgo e, unha vez obtida, cal pensa que pode ser a súa achega e que espera aprender a cambio?

-A Universidade do Mozarteum de Salzburgo é unha das institucións académicas máis importantes do mundo no eido da música clásica. Traballar nun lugar así é un soño para un músico, como podería ser Harvard para un economista, Cambridge para un físico, Stanford para un informático, Oxford para un humanista, ou o MIT para un enxeñeiro. Xa o feito de ser seleccionado entre a morea de candidatos que mandaron os papeis e recibir a invitación á proba en directo é un privilexio, así que conseguir ser o gañador da oposición é un recoñecemento difícil de verbalizar.  Vai ser unha experiencia interesantísima: poder traballar nun dos claustros máis espectaculares do mundo musical, xunto a colegas admirados e prestixiosos (Barbara Bonney, Maxim Vengerov, Reinhard Goebel, os membros do cuarteto Hagen, Enrico Bronzi, Thomas Riebl, Imre Rohman…) vai ser unha gozada. Ter alumnos de todos os continentes, cun nivel tan alto, permite un traballo académico de enorme profundidade e demanda de ti dar o máximo, estar na mellor forma, ter a meirande profundidade de discurso, investigar con rigor os repertorios… moi estimulante... Alégrame ademais moito poder levar o nome de Galiza e a memoria de Manuel Quiroga a unha institución tan senlleira e lendaria. Pensar que hai un galego dando clases de Mozart no templo universal de Mozart, onde impartiron clases Sándor Végh, Nikolaus Harnoncourt ou Paumgartner é unha ledicia, creo, tamén en clave de país, e creo debe facernos gañar en autoestima, ademais de reflexionar sobre cómo poderían ser as cousas se o sistema educativo de aquí tivese a consideración, a estrutura e os medios que ten alí.

-Que foi o máis complicado do proceso de oposición?

-Pois simplemente ser invitado xa é un logro. A criba por méritos (traxectoria artística, académica e docente publicacións...) é moi dura. De cerca dunha centea de solicitudes só invitaron a nove persoas á facer a proba final. Así, dalgún xeito están a garantir un perfil específico do meirande nivel. Interesante que non pedían nin unha décima parte dos papeis que piden aquí para unha oposición. O que lles interesa non é cantos cursiños oficiais, másteres baleiros de contido e papeliños académicos teñas, senón a túa traxectoria internacional, a envergadura e recoñecemento da túa actividade artística e académica. Nos procesos de baremación no estado español conta máis un curso de formación de profesorado que libros e oito discos publicados e premiados internacionalmente, contan máis catro anos de interinidade nun conservatorio calquera que ser invitado a dez institucións punteiras do mundo como profesor invitado, conta máis un premio extraordinario de cando tiñas 17 anos que unha carreira mundial de máis de quince anos recoñecida internacionalmente e sementada de premios. Iso ten que cambiar radicalmente aquí, ou non conseguiremos ter centros de primeira categoría porque estamos dando valor aos méritos equivocados. Logo o proceso de oposición en directo, que é aberto a toda a comunidade académica e público, céntrase no esencial: tes que tocar un recital, tes que dar dúas clases públicas (grao e posgrao), tes que facer unha conferencia sobre o teu concepto pedagóxico e o que queres aportar á Universidade, e logo tes unha entrevista onde es preguntado sobre diferentes cuestións relativas ao traballo é á túa materia, sen temas preestablecidos, cos teus coñecementos e personalidade en evidencia. O xurado é numeroso, e inclúe tamén profesores doutras institucións de prestixio. Aquí nas oposicións é máis importante facer unha ridícula unidade didáctica (copia-e-pega dun temario) que demostrar a túa competencia como intérprete, e valoran máis unhas preguntas absurdas sobre lexislación administrativa que a túa capacidade docente. Ou cambiamos isto, radicalmente, ou non hai futuro posible: toda a xente de prestixio marchará do país e quedará fóra do sistema educativo. ¿Cómo é posible que aquí se dean cátedras só presentado papeis, sen coller o instrumento, sen demostrar publicamente a túa valía docente, sen ter publicacións? É un auténtico despropósito.

-Cando un entrevista a un músico adoita citar sempre os seus mestres, o cal evidencia que é unha das poucas disciplinas artísticas nas que segue sendo moi importante ese vencello. Como ve vostede esa relación?

-Fundamental. Hai profesores e hai mestres, que se preocupan por ti, na aula e alén dos muros académicos. Dar clase debe ser un exercicio no que cuestiones ao alumno, no que o leves aos seus límites, no que o acompañes á visitar ás marxes do coñecemento, expoñéndote tamén como docente aos confíns da túa propia experiencia. A relación cun mestre, en música, é moi directa, íntima. De ti a ti. Un seguimento individualizado durante anos no que o vencello que se crea é de fonda intensidade, cunha pegada intelectual e emocional que dura toda unha vida. Un bo sistema académico é o que estimula e premia eses perfís socráticos de comportamento académico e non o que os castra con «burrocracias» sen sentido.

-Continúa cos seus outros compromisos docentes?

-Até o de agora levaba a Cátedra de Cuarteto de Corda do Conservatorio Superior de Música de Aragón, pero a partires do vindeiro curso non poderei compatibilizalo con Salzburgo. Foron oito anos moi fermosos e intensos, e estou tremendamente agradecido por todo o que aprendín e o que compartín con máis de dez promocións de alumnos. Seguirei, por suposto, facendo clases maxistrais e cursos como profesor invitado internacionalmente, e concertos e xiras co meu Cuarteto Quiroga. Non só porque é un pracer e unha actividade apaixonante e estimulante, senón porque ademais, o Mozarteum esixe aos seus profesores que manteñan unha intensa actividade internacional como docentes, como investigadores e como intérpretes. É un requerimento contractual. Xusto o contrario do que pasa nos conservatorios aquí, onde a inspección persigue, castiga e expedienta aos profesores por dar concertos: un despropósito que só acaba fomentando a mediocridade: o profesor activo é penalizado, e o inactivo é premiado pola administración. Surrealista, pero o noso pan de cada día.

-As xiras terán que agardar... Como ve toda esta situación excepcional no eido da música? Como cre que van ser os próximos meses?

-Durísimos. O meu cuarteto xa ten todo cancelado até agosto, e empezan a caer máis cousas alén desa data. Concertos en Australia, Alemaña, Holanda, Suíza, Cataluña. Todo cancelado. Son perdas enormes. E ningún ingreso. Para moitos músicos os vindeiros meses van ser durísimos. O Estado ten que reaccionar. Municipios, autonomías e goberno central deben artellar xa paquetes de axudas de emerxencia ou centeas de miles de familias (cerca dun millón no Estado) van ter problemas de subsistencia serios. Está en xogo case un 4% do PIB, que é unha enormidade, sen contar todas as actividades que indirectamente se nutren da vida cultural. Imos ser, loxicamente, o último sector en voltar á normalidade, e por iso as institucións públicas deben actuar. Aprendamos de países europeos da nosa contorna (Alemaña, Austria, Reino Unido, Portugal), miremos para gobernos autonómicos responsables (Euskadi, por exemplo, vén de aprobar un paquete de medidas exemplar). As institucións galegas non poden escorrer o vulto, actuar con desleixo. É un crime cultural.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Cibrán Sierra: «Un bo sistema académico estimula os perfís socráticos e non a "burrocracia"»