A aurora das irmandiñas

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Aurora Marco, autora do ensaio «Irmandiñas», que vén de publicar Laiovento
Aurora Marco, autora do ensaio «Irmandiñas», que vén de publicar Laiovento Sandra Alonso

Aurora Marco tira do esquecemento a vida das mulleres da xeración das Irmandades da Fala no seu último libro

02 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha urda invisible nas hemerotecas. Un relato mudo nos andeis e nas gabetas. Un novelo agardando a ser descuberto, porque non existe o que non se nomea. Hai unha historia que agora comeza a coserse a partir de milleiros de febras espalladas. Fíos que Aurora Marco leva atopando dende finais dos 80.

«A ausencia das mulleres foi asombrosa. Só se falou das que xa se coñecían». Remexe o café coas mesmas mans coas que está tecendo a memoria daquelas que foran esquecidas. Silenciadas. A ausencia das mulleres foi asombrosa nas celebracións do centenario das Irmandades da Fala. E así, con agulla e fío, Aurora Marco comezou a rachar a tea que as ocultaba. Daquela, Emilio Xosé Ínsua tirou do esquecemento a Micaela Chao e Aurora Marco a Concepción González Varela e Adela Martínez. «Pensei, isto é imposible, as mulleres tiñan que estar por todas partes». E, abofé, estaban.

Estaban nos coros, nos grupos de teatro, no Seminario de Estudos Galegos. Impulsaban o movemento editorial, traballaban a prol da República. «Foi naquel momento cando comecei a baleirar as hemerotecas, as monografías, e a buscar descendentes». Dun traballo de catro anos nace agora Irmandiñas, que en realidade é un libro que nunca remata. A historia das mulleres aínda debe ser reconstruída, revisada e ampliada. Algúns perfís bibliográficos son amplos. Noutros apenas se puideron xuntar uns poucos datos. Dalgunhas só queda un nome, unha referencia, pero non apareceu cabo do que tirar. Irmandiñas non ten artigo determinante. «Sería moi totalizador. Aquí irmandiñas funciona como adxectivo, como unha definición de todas as mulleres que xiraron na órbita irmandiña en diferentes campos».

Á esquerda, foto da Sociedade Amigos da Paisaxe Galega, do Seixo (Mugardos), en 1928, onde houbo un grupo dunhas 30 mulleres moi activas que traballaron en diferentes seccións. Á dereita, Amalia Álvarez Gallego, da Sociedade Polifónica de Pontevedra. Viúva de Alexandre Bóveda, termou do seu legado até a morte. Mestra, funcionaria de Facenda. Na imaxe, cos fillos na década dos 40
Á esquerda, foto da Sociedade Amigos da Paisaxe Galega, do Seixo (Mugardos), en 1928, onde houbo un grupo dunhas 30 mulleres moi activas que traballaron en diferentes seccións. Á dereita, Amalia Álvarez Gallego, da Sociedade Polifónica de Pontevedra. Viúva de Alexandre Bóveda, termou do seu legado até a morte. Mestra, funcionaria de Facenda. Na imaxe, cos fillos na década dos 40

Irmandiñas constata unha realidade: «Como elas estaban presentes: nos mitins, nos teatros, nas sociedades científicas». E aínda así, silenciadas. Elvira Bao estivo en Compostela dando un mitin canda a Villar Ponte. O nome del está nas crónicas e ata se publicou o discurso. O dela, non. Outra vez, invisibilizada.

«Na primeira asemblea das Irmandades, en novembro de 1918, estableceuse a igualdade entre homes e mulleres». Dentro do movemento había homes que a buscaban. Mesmo escribiron artigos defendendo a igualdade no traballo e nos salarios. «Pero non foi algo xeralizado». Por que? Había asembleas con longas listas de participantes masculinos, pero ningunha muller. Tiveron que pasar varios anos da fundación do Partido Galeguista ata que houbo mulleres representando aos seus grupos. As primeiras foron Celia Bouzas e Mercedes do Campo, do grupo feminino do Partido Galeguista de Ourense.

Da participación de Emilia Docet no mitin das Arengas só quedaron un par de liñas. «As reseñas que se facían eran moi edulcoradas, que se referían sobre todo ao seu aspecto físico». Moitas das veces, a participación das mulleres en actos culturais e políticos só se recollía cun «belas señoritas», cun nome común que dificulta rescatalas.

Emilia Álvarez Álvarez, socia protectora do Seminario de Estudos Galegos na década de 1930. Compañeira de vida de Fermín Bouza Brey
Emilia Álvarez Álvarez, socia protectora do Seminario de Estudos Galegos na década de 1930. Compañeira de vida de Fermín Bouza Brey

Outra ollada sobre María Luz Morales e María Miramontes

Irmandiñas tira do esquecemento moitos nomes de mulleres, pero tamén revisita a outras que xa eran coñecidas. «No caso de María Miramontes era necesaria esa revisión», porque a súa biografía está demasiado adornada. Do seu labor, da súa vida, só queda iso de que foi a costureira que salvou a imprenta Nós. «Está ben como relato conmovedor, pero iso non foi así realmente. Tiña gana de ter material axeitado para poder facer unha revisión». Ese material é a correspondencia do seu home, Ánxel Casal, e do seu irmán. «Vese que ela, polo menos aquí en Compostela, era dona dun obradoiro de corte e confección con alumnas» e ademais «foi unha igual con Ánxel Casal. Toda canta iniciativa emprendeu Casal, alí estaba ela», que ademais tiña unha traxectoria de seu antes de casar co (despois) alcalde fusilado. E porén, cando se fala de Nós, fálase de Ánxel. A ela hai que ir buscala.

O mesmo lle acontece a Concepción González Varela, catedrática de música da Escola Normal da Coruña durante 44 anos, que xa tiña unha carreira como concertista e o seu galeguismo víñalle do berce. «Non precisaban dos seus homes para significárense». E porén, coñécese máis o nome do seu home, Lugrís Freire, e do seu fillo, Urbano Lugrís.

Houbo tamén irmandiñas que non continuaron coa súa traxectoria profesional. É o caso de Ermitas López Verdes, que foi alumna de Concepción González Varela na Escola Normal da Coruña e tesoureira do grupo feminino das Irmandades da Coruña, unha agrupación fundamental. O de Ermitas é un deses nomes que saíron do esquecemento e que se cadra foi cegado polo de Luís Peña Novo, o seu home.

E despois hai mulleres irmandiñas das que se descobren novos aspectos máis aló dos xa abondo estudados. De María Luz Morales, natural da Coruña, é de sobra coñecido que foi a primeira muller directora dun xornal, pero Irmandiñas fala dun aspecto descoñecido: a súa relación con Galicia. «Era un puntal decisivo do galeguismo en Cataluña» e secretaria do grupo de mulleres galeguistas en Barcelona. Aurora Marco valeuse das hemerotecas catalás para investigar sobre o seu papel como presidenta de honra no Centro Galego de Barcelona, cunha actividade incesante e na que ela «sempre estaba», explica a investigadora.