A Xunta protexe coa declaración BIC catro sitios arqueolóxicos de arte esquemática

Patrimonio Cultural pon en marcha o recoñecemento da excepcionalidade destes xacementos de Lugo e Ourense

Os arqueólogos Francisco Alonso e Manuel Santos mostran algunhas das pinturas que acharon no xacemento de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, nunha foto de arquivo
Os arqueólogos Francisco Alonso e Manuel Santos mostran algunhas das pinturas que acharon no xacemento de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, nunha foto de arquivo

Redacción / La Voz

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura confirmou a iniciación da apertura dos expedientes para a declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) para cada un dos catro sitios arqueolóxicos en que se acharon manifestacións de arte esquemática datadas no Neolítico medio, segundo confirmou a arqueóloga e profesora da Universidade de Vigo Beatriz Comendador nunha xornada monográfica que se celebrou onte no Consello da Cultura Galega. As catro xoias de arte rupestre localízanse na área suroriental da comunidade e son Cova dos Mouros da Fontaneira (ubicada en Baleira, Lugo) e os xacementos ourensáns de Penedo Gordo (Vilardevós), Casaio (Carballeda de Valdeorras) e A Cidade das Laxes das Chás/Castelo de Lobarzán (nos municipios de Monterrei e Oímbra).

Esta investigadora explica que estes achados apareceron -de forma casual- ao aire libre ou en pequenas cavidades, non en covas como é o caso das pinturas paleolíticas. Débense ás primeiras sociedades de carácter agrícola habidas en Galicia, que agromarían entre o Neolítico antigo e a Idade dos metais, polo que -aínda sendo un fenómeno moi complexo- estaríase a falar dun arco temporal que vai dende o ano 3900 a.C. ata o 2500 a.C.

Pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia toda cova ou manifestación de arte rupestre é inmediatamente considerada como BIC, pero os propios investigadores que traballan nestes xacementos incoaron a apertura dun expediente de declaración de protección específica para así catalogalos, delimitalos fisicamente, concretar a súa singularidade e determinar as súas características.

Na arte esquemática pintada os motivos son debuxos moi simplificados formalmente, están feitos con trazos lineais nos que se empregou unha soa cor e en tinta plana aplicada coa xema do dedo ou con pinceis moi rudimentarios. A cor máis usada é o vermello, que elaboraban con pigmentos de procedencia mineral mesturados con auga ou materias graxas. As imaxes parecen funcionar frecuentemente como ideogramas, non tanto en escenas.

Beatriz Comendador, investigadora da Universidade de Vigo, este martes nunha xornada do Consello da Cultura Galega
Beatriz Comendador, investigadora da Universidade de Vigo, este martes nunha xornada do Consello da Cultura Galega

«Hai moi pouca información deste tipo de sociedades, apenas -concede Comendador- que tiñan un alto grao de mobilidade e que sinalaban o territorio, deixando a súa impronta, con esta marcación de tipo simbólica. Non sabemos a significación exacta, pero si que os motivos se repiten. Sendo agrícolas, non viven sempre no mesmo sitio -incide a investigadora-, están moi lonxe do que xa mostraba o xacemento prehistórico de Valencina de la Concepción [en Sevilla], amurallado e cunha sedentarización absoluta». Trátase de comunidades non moi numerosas de certa estabilidade, as primeiras de carácter agrícola e gandeiro de Galicia, onde a consolidación definitiva do hábitat non se dá ata a Idade de ferro (nun proceso moi lento) coas sociedades vivindo en poboados fortificados (os castros).

En Galicia había outros exemplos de arte prehistórico como a pintura anterior, na época glaciar, como a cova Eirós de Triacastela; tamén estaban os petróglifos, gravados en pedra (divididos grosso modo en exemplos atlánticos e de estilo esquemático); e as manifestacións pintadas no interior das cámaras megalíticas.

A aparición de pinturas esquemáticas en distintos puntos de Galicia, descubertas a partir do 2017, como noutros puntos do noroeste (tamén en Asturias e Cantabria), relaciona estas comunidades co resto da península Ibérica, e sobre todo coa metade meridional, onde son moi frecuentes. Nesta manifestación artística Galicia non se tiña en consideración, por iso foron unha sorpresa para moitos estes achados, xa que pensaban que nunca aparecerían. O sur de Ourense, Zamora e a área transfronteiriza confirman así que hai unha continuidade xeográfica. De aí que Comendador valore tanto a importancia de abordar o estudo destes xacementos con perspectiva galego-portuguesa. Ela traballa en estreita colaboración con Lara Amaral Bacelar Alves, da Universidade de Coimbra.

Comendador confía en que a declaración BIC traia non só unha protección especial senón que serva para focalizar a atención sobre a importancia destes xacementos e facilite que se profunde na súa investigación. «Que aparezan non quere dicir que estean xa estudados. Hai que garantir a súa conservación pero tamén dotar de medios adecuados para continuar a traballar sobre o terreo», demanda para apostar pola divulgación do seu valor. «Non debemos illar as pinturas para preservalas, iso non evita a vandalización, como xa se ten demostrado. Hai que difundir, concienciar, educar, implicar... Sobre todo, colaborando coas poboacións locais para que entendan a importancia destes lugares. Nós xa traballamos así e funciona, contamos coa axuda e apoio das comunidades nas que estes xacementos se insertan, que axudan así a protexelos», asegura.

Son catro sitios excepcionais, insiste a profesora, non só por que albergan manifestacións artísticas nas paredes: «Por exemplo, sábese, tras unhas catas, que o subsolo de Penedo Gordo conserva uns restos moi importantes, unha enorme riqueza arqueolóxica que debe dicirnos moitas cousas sobre os modos de ocupación no Neolítico medio, sobre a chegada da economía produtiva ao territorio galego. Pero hai que seguir investigando, escavando, traballando».

Nese inxente labor andan ou teñen andado a Universidade de Santiago (Cova dos Mouros da Fontaneira), as de Vigo e Coimbra (Penedo Gordo e A Cidade das Laxes das Chás/Castelo de Lobarzán) e o proxecto Sputnik Labrego, a empresa Estela Arqueoloxía e o Instituto de Ciencias del Patrimonio do CSIC (Casaio).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

A Xunta protexe coa declaración BIC catro sitios arqueolóxicos de arte esquemática